AGESTIC desenvolve Innova-G, un servizo web para promover e difundir a innovación en Galicia

mércores, 13 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información (AGESTIC) está a desenvolver un novo servizo en liña destinado a promover a innovación no tecido económico da nosa terra, achegando a empresarios e particulares información de utilidade: modelos de xestión, axudas públicas ou ofertas de cooperación e metodoloxía.
Trátase do portal Innova-G, proxecto que conta con financiamento da Consellería de Innovación e que neste intre (como dixemos) aínda está en fase de elaboración (de feito, nin sequera inclúe versión na nosa lingua, malia que en parte vai destinado a dar conta de axudas da propia Xunta a empresas galegas).
O novo servizo contará en breve con dúas seccións que serán (por así dicilo) dúas das canles principais de comunicación entre AGESTIC e os empresarios: a Revista Dixital da Innovación e o Catálogo Galego de Empresas Innovadoras. Respecto á primeira publicación en liña, cómpre sinalar que vai destinada a tirar rendemento das posibilidades de participación da Rede.
De feito, serán os propios internautas-empresarios os que elaboren os contidos. A idea é achegar un xeito diferente e innovador de facer información e de conseguir que as empresas galegas e os produtos acaden meirande difusión e reputación corporativa.
Polo que respecta ó Catálogo de Empresas Innovadoras, consiste principalmente en encher un baleiro en Galicia, xa que non existe (comenta AGESTIC) unha web onde as empresas do sector teñan un punto de encontro onde promover e anunciar os seus desenvolvementos co fin de xerar negocio e cooperación.

PUBLICIDADE