AGESTIC informa de dúas axudas para que 34 empresas do sector TIC acaden certificacións ISO

luns, 21 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

JPEG - 271.2 KB
José María López Bourio, presidente de AGESTIC

A Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, vén de informar da posibilidade de accedermos, a través de AGESTIC, a unha axudas con potencial para contribuír ao crecemento do sector. Máis polo miúdo, trátase da aprobación á entidade de dous proxectos subvencionados que veñen da man do Plan Avanza (Ministerio de Industria) e que permitirán, en palabras da plataforma TIC galega, “que 20 empresas do sector se certifiquen en normas ISO 15504 e outras 14 en ISO 20000, e todo isto a prezos reducidos”. De feito, engádese, a meirande parte dos custos de consultoría de implantación e certificación virán, a través do devandito, asumidos por AGESTIC.
Segundo apunta a asociación galega, a importancia destas axudas é especialmente salientábel, e máis se temos en conta que se dirixen a facilitarlles ás empresas o acceso a acreditacións que avalen o seu bo facer. Estas certificacións, sinala, convertéronse nun valor engadido no sector TIC, o que as fai imprescindíbeis para a competitividade das empresas, “pois tanto as administracións como os clientes valoran ou incluso esixen que os seus provedores encontren certificados nalgunha das normas ISO”. A ISO 20000 certifica que a empresa en cuestión ten capacidade de abondo como para satisfacer as necesidades e expectativas dos seus clientes en servizos do eido tecnolóxico-dixital. A ISO 15504, pola súa parta, avala a capacidade e madurez dunha compañía en materia de desenvolvemento e mantemento de software. Coa subvención obtida tíranse abaixo unha serie de barreiras, sobre todo tipo de económicos, para acceder a este tipo de recoñecementos. As empresas galegas que se inscriban nestas iniciativas poden asistir á presentación do proxecto o vindeiro 29 de novembro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, CNTG, en Santiago. Ao acto acudirán representantes de AENOR (a entidade que emite os certificados), Start Up e AGESTIC, e contará tamén coa presenza de diversos representantes da Secretaría Xeral de Modernización.

PUBLICIDADE