AGESTIC salienta os bos agoiros para o sector galego que reflicte o novo Informe de Contidos Dixitais

xoves, 17 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Na imaxe, de esquerda a dereita, José María López Bourio presidente de AGESTIC, Martín Pérez Sánchez, vicepresidente de AMETIC e Jorge Pérez Martínez, catedrático da ETSIT-UPM e coordinador do informe

A Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, vén de participar na presentación da cuarta edición do Informe de Contidos Dixitais que elabora AMETIC (descargable en formato PDF). En representación da plataforma empresarial galega acudiu o seu presidente, José María López, quen tivo oportunidade de dar conta, de primeira man, dunha das grandes novidades do informe deste ano, unha novidade que nos colle ben de preto: a certificación do excelente traballo despregado nos últimos tempos polas empresas galegas do sector dos contidos dixitais.
Así se fai saber nunha das análises incluídas no informe, estreada este ano, na que se avalía o tecido empresarial de aplicacións móbiles e no que Galicia conta con firmas punteiras que traballan arestora a nivel nacional e internacional, informa AGESTIC. Isto cómpre sumalo ás análises xa elaboradas nas anteriores entregas e que certifican tamén o potencial do noso sector: música, cinema, vídeo, videoxogos, televisión, marketing en liña, xornais, libros electrónicos, etc.
O obxectivo da investigación de AMETIC, engade a entidade galega, é o estudo da relación que hai entre dispositivos de reprodución, contidos dixitais e conectividade, “sempre dende o punto de vista converxencia tecnolóxica a nivel nacional, sector no que as empresas galegas teñen cada ano un papel máis destacado e incrementan a súa facturación e a súa presenza”. O informe diríxese a actuar como canle de definición e recomendación dos novos modelos de negocio que están a xurdir no eido online e contribuír ao desenvolvemento da industria de contidos dixitais en España.
Segundo engade AGESTIC, estamos pois ante unha ferramenta moi útil para guiar a actuación dos poderes públicos en materia de apoio ao sector, “por ser este un sector que lonxe de sentir a crise, está a medrar no seu conxunto”. Seguindo este fío, a asociación galega comunica que remitirá o devandito informe á Secretaría Xeral de Modernización da Xunta para que se teña en conta á hora de ir deseñando as políticas de apoio sectorial.

PUBLICIDADE