AGalega estrea a serie británica A fortuna de Hazelwood

mércores, 31 de xullo do 2024 Marcus Fernández

The Syndicate chega á plataforma AGalega baixo o título de A fortuna de Hazelwood

A plataforma AGalega incorporará novos contidos esta semana, destacando especialmente a estrea dunha das mellores series de fóra, A fortuna de Hazelwood, que chegará o venres, e narra a historia dun grupo de empregados da mansión Hazelwood aos que lles cambia a vida tras gañar a lotaría. Falamos dunha serie da BBC One, onde leva por título The Syndicate, que iniciou as súas emisións en 2012, rematando en 2021 coa súa cuarta tempada, e chegou incluso a ter unha versión estadounidense (Lucky 7) da que só se chegaron a emitir 2 episodios (aínda que en streaming si están dispoñibles os 8 episodios da súa primeira tempada).

Bloques de Cores é a nova serie infantil na plataforma Xabarín

O xoves tamén chegará a AGalega o espazo Galicia en pezas, programa que visita obradoiros de artesanía de vangarda, para dar a coñecer de primeira man a súa inspiración e as técnicas que empregan, dando así a coñecer pezas únicas e singulares que representan a identidade da Galicia.
Adicionalmente tamén están a incorporarse máis entregas de espazos como O Armario (no que Xulia Lomba convida a celebridades a compartir os contidos do seu armario) e Música no foco (programa que na última entrega achéganos o tema Engaiolante enfeitizante de Alfonso Espiño, interpretado no miradoiro Castelo do Faro de Avión).
Na plataforma Xabarín tamén hai unha estrea, a serie infantil Bloques de Cores, produción da BBC para a súa canle de televisión infantil, CBeebies, que tamén tira proveito das plataformas dixitais e incluso unha aplicación móbil de seu para divulgar os seus contidos.