AGalega.gal estrea O videoclub, programa de Miguel Canalejo e Lucía Estévez que rende homenaxe ao noso cinema
xoves, 13 de marzo do 2025
A plataforma de AGalega.gal continúa na súa exploración de novas propostas e contidos. Esta semana estreouse na plataforma O Videoclub, un programa creado por Miguel Canalejo e Lucía Estévez que busca achegar ao público unha escolma de dez películas e curtas galegas.
Dentro desa variedade de obras protagonistas do catálogo do programa, atopamos tanto producións galegas do últimos anos, como Unicorn Wars ou O corno, e aínda máis recentes, como As Neves, produción do ano 2024, que conta con 13 nominación nos Mestre Mateo 2025. A proposta non se detén no presente: o programa tamén recupera clásicos como Sempre Xonxa ou Eroski Paraíso, sorprendendo ás novas xeracións e espertando a nostalxia do público máis veterano.
A través de dez capítulos dun minuto de duración, os presentadores Miguel Canalejo e Sila Sicilia falan de cada obra cun ton desenfadado e incluíndo toques de humor, convertendo cada vídeo “nunha recomendación áxil e entretida para o público”, salientan dende a produtora Brava, engadindo que o obxectivo principal é “facilitar aos espectadores a elección do seu próximo visionado, promovendo así a riqueza do audiovisual galego”.
Trátase dunha nova produción de Brava para AGalega.gal, liderada por Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (A Coruña, 1998), que suma outra produción estreada no seu primeiro ano de vida, mentres sigue producindo diversos proxectos e colleitando éxitos como coa serie Pringadas, nominada a Mellor Serie Web no Cusco Web Fest 2025 e nos Premios Mestre Mateo 2025, o programa Contando Historias estreado este ano, que foi galardonado recentemente nos premios de AGalega.gal, ou Raíña-me!, programa do que se presentou recentemente a súa segunda tempada, e que conta cunha nominación nos Celtic Awards 2025.