AGalega.gal permitíu seguir a gala de entrega dos Premios #DígochoEu

xoves, 16 de maio do 2024 Redacción

O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun cento de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame.
Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.
Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG o Día das Letras Galegas ás 11:30. Os vídeos quedarán accesibles na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarin.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

Os premiados

Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo E ti, queres ser laxense por un día?; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado Palabras polisémicas nas Olimpíadas, e o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia Lingoreteiros do mundo.
Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado Díghocho meu!, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado A dorna das cen palabras.
Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de Ouro 500 euros; os de Prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros.

Escolares de Laxe, A Pobra de Trives, Ames, San Vicente do Grove, Santa Comba e A Illa de Arousa, gañadores dos Premios #DígochoEu