AI-VIDDA presenta os seus primeiros logros na mellora da calidade de vida das persoas maiores

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu este mércores 4 de xuño a presentación dos primeiros avances do proxecto de innovación AI-VIDDA, que integra a Intelixencia Artificial e a biotecnoloxía e no que están implicados (entre outros) o centro atlanTTic e máis a empresa tecnolóxica Balidea. Esta iniciativa ten como obxectivo incrementar os anos de vida saudable das persoas mediante distintos enfoques, “combinando a aplicación de tecnoloxías dixitais de vangarda e avances en biotecnoloxía”.
Este ambicioso propósito é froito da colaboración dun consorcio de empresas galegas do sector da saúde, lideradas polo Grupo DomusVi, e do que forman parte tamén Hifas da Terra, ADOC, BIG Formación e InnovaLabs, ademais de Balidea. Tamén forma parte desta alianza o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, que desenvolve un labor destacado no deseño e implementación de modelos avanzados de linguaxe natural. Todas estas entidades achegan a súa experiencia en áreas clave como a atención sociosanitaria, a Intelixencia Artificial, soluciones TIC para a promoción da autonomía persoal, a tecnoloxía aplicada e a biotecnoloxía.
AI-VIDDA conta co respaldo da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do programa MISIÓNS 2024, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Desde o centro atlanTTic da UVigo, en colaboración con Balidea, trabállase nunha liña de investigación centrada na integración de modelos avanzados de linguaxe en asistentes conversacionais intelixentes no ámbito sociosanitario. Estes asistentes terán capacidade de aprendizaxe e estarán deseñados para interactuar de xeito natural coa persoa usuaria. O obxectivo é “garantir o seu correcto funcionamento, e a aceptación e utilidade real destas tecnoloxías por parte das persoas usuarias, contribuíndo así á mellora da calidade de vida das persoas maiores”.
AI-VIDDA estrutúrase sobre piares como o uso de axentes de Intelixencia Artificial, modelos avanzados de linguaxe, hardware adaptado a persoas maiores, alimentos de uso médico e plataformas dixitais de promoción da autonomía persoal.
As investigadoras Laura Docío Fernández e Carmen García Mateo, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic, participan nas tarefas de AI-VIDDA vinculadas ao uso dos paradigmas avanzados da IA, como a análise de datos, as tecnoloxías lingüísticas multilingües ou a IA responsable, así como no desenvolvemento e execución dos traballos necesarios para acadar os obxectivos de investigación do proxecto.
En concreto, participan nos paquetes de traballo que abordan o deseño e integración de grandes modelos de linguaxe sostibles en asistentes conversacionais con capacidade de aprendizaxe e interacción natural. “Está previsto o desenvolvemento dun módulo de IAl xerativa para a transmisión de información de forma conversacional, é dicir, empregando un asistente conversacional multilingüe (galego e castelán) como ferramenta de comunicación”, explican as investigadoras de atlanTTic implicadas.
Este paquete de traballo céntrase en mellorar a eficacia e a sustentabilidade dos grandes modelos de linguaxe (LLM) aplicados a un asistente conversacional no ámbito sociosanitario. As actividades inclúen o afinamento (fine-tuning) e a optimización dos LLM, a investigación para a adaptación continua do modelo, o desenvolvemento dun prototipo funcional e a súa integración en contornas industriais. “Búscase garantir respostas precisas e relevantes, así como a eficiencia e a escalabilidade do asistente intelixente”, sinalan.
O proxecto AI-VIDDA contempla ademais unha fase de probas e validación, na que tamén participa atlanTTic, que abrangue desde a avaliación da eficacia do asistente virtual ata a súa integración con dispositivos intelixentes e a validación dunha plataforma de contidos dixitais orientada ao benestar das persoas maiores. Durante esta etapa, levaranse a cabo os procedementos necesarios para asegurar que o prototipo do asistente virtual intelixente, con capacidade de aprendizaxe e integrado con modelos lingüísticos eficientes e multilingües, cumpra os requisitos técnicos, funcionais e sociais esperados.