AJE Galicia convoca a VI edición dos seus premios a emprendedores e empresarios

xoves, 10 de novembro do 2011 Raquel Noya

AJE Galicia contará co apoio da Cátedra Bancaja un ano máis

Segundo lemos hoxe no DUVI (Diario da Universidade de Vigo), “só o 8 por cento dos universitarios españois considera crear unha empresa como saída laboral, fronte ao 70 por cento que se da nos Estados Unidos”. Son datos moi reveladores que indican cal é situación actual no noso país, onde hai medo a crear un negocio e onde ademais, e para desmoralizarse máis, o 80 por cento das empresas morren nos primeiros 5 anos de vida.
É por iso que, agora máis que nunca, é necesaria a axuda de todas cantas entidades poidan botar unha man para favorecer o emprendemento e asegurar a supervivencia das empresas xa constituídas no noso país, tal e como fai AJE Galicia, que por sexto ano consecutivo, vai convocar os seus galardóns Xoven Emprendedor e Xoven Empresario do Ano.
Segundo indicou Patricia García, a presidenta desta entidade, “con estes premios AJE quere demostrar o valor das boas ideas que se desenvolven na nosa Comunidade e que se convertan en motores de inspiración para a promoción de novos proxectos”, algo polo que traballan dende moito antes desta situación de crise.
A web de AJE Galicia recolle as bases do concurso, que este ano, ademais dos premios a empresas que xa levan dous anos en marcha, contará cunha nova categoría para os proxectos que aínda están en fase de implantación, e con catro accésits: Responsabilidade social empresarial, Calidade, Innovación e Fomento do emprego.
As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas iniciativas ata o vindeiro 25 de novembro ás 14:00 horas na sede de AJE Galicia de Vigo, sita na rúa Manuel Núñez, 4.
Os premios, que consisten nunha tarxeta regalo de El Corte Inglés ou ben un máster, entregaranse o 2 de decembro na delegación da Xunta en Vigo.

PUBLICIDADE