AJE Vigo recoñece un par de proxectos TIC nos seus premios anuais

xoves, 23 de novembro do 2023 Redacción

A Asociación de Mozos Empresarios de Vigo, AJE Vigo, celebrou hoxe o acto de entrega dos seus premios anuais, sendo destacable que dentro da categoría Mellor Empresario/Empresaria entregáronse dous accésits.
O de Innovación foi para Datcisions, unha empresa posta en marcha por Pablo Franco en xaneiro de 2022, en Tomiño. A empresa desenvolve o software de xestión de existencias para téxtil e retail Datplanner, que proporciona a cantidade de unidades que deben ser repostas por cada produto vendido en cada tenda. A súa fortaleza competitiva é que a aplicación non necesita conectarse a ningunha base de datos. Desde setembro de 2023 forma parte do programa de aceleración de EGI Group. Os seus próximos obxectivos céntranse en obter unha primeira rolda de financiamento en 2024 para finalizar a aplicación e converterse así en referentes no mercado nacional para, en 2025, internacionalizar o seu proxecto.
O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial recaeu en Comunicacción, axencia de márketing dixital, branding e comunicación posta en marcha en 2019, en Cangas, por Carmen María Iglesias. O xurado recoñeceu a súa participación no proxecto Biosfera TEAyuda, unha iniciativa privada dun centro comercial en Lanzarote que o converteu no primeiro en ser accesible para as persoas con TEA en España. Actualmente, traballan con logopedas galegos para replicar o proxecto en diferentes edificios públicos e privados de Galicia.
O acto, no que participaron preto dun cento de convidados, celebrouse no Porriño, no restaurante Manolo, e contou coa presenza de numerosas autoridades entre as que se atopaban o alcalde desta localidade, Alejandro Lorenzo; o secretario xeral de Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; a delegada da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, entre outras personalidades do mundo empresarial e social de Galicia.

PUBLICIDADE