AMD presume de ter os mellores procesadores para xogar en PC

xoves, 8 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A doutora Lisa Su foi a encargada de presentar os novos procesadores de AMD

Dende AMD souberon coller a dianteira a Intel, e hoxe presentaron a nova familia de procesadores de escritorio AMD Ryzen 5000 con arquitectura Zen 3 o que permitiulles unha mellora das súas prestacións nun 19% e que no caso da liña AMD Ryzen 9 5950X de 16 núcleos pode presumir de conseguir o mellor desempeño para un único fío de calquera outro procesador para gaming e o mellor desempeño multi-núcleo en procesadores de escritorio no mercado de consumo.

Estes novos procesadores chegarán ao mercado o 5 de novembro a un prezo de 799 dólares, acompañados por procesadores máis modestos con prezos de entre 299 e 549 dólares que permitirán así axustarse a un amplo abano de orzamentos, conquistando especialmente aos xogadores de PC que buscan un grande rendemento e non queren pagar as cantidades desorbitadas dos procesadores máis avanzados de Intel.

No caso dos procesadores AMD Ryzen 9 5900X temos un incremento de rendemento dun 26% de media con respecto da súa anterior xeración

Como exemplos de rendemento temos que o AMD Ryzen 9 5900X (cun prezo de 549 dólares) conseguiría ir un 7% máis rápido de media que un procesador Intel Core i9-10900K en xogos correndo a Full HD, polo que confirmarían que a solución de AMD é bastante atinada para xogar, como ratificaría o feito de que as consolas de videoxogos de nova xeración optasen por este fabricante.

Vídeo de presentación dos novos procesadores de AMD

PUBLICIDADE