AMD traballa en mitigar os efectos de Spectre no seu hardware

venres, 12 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Tras saír á luz pública as vulnerabilidade que afectan a numerosos procesadores modernos, Meltdown e Spectre, dende AMD saíron rápido a argumentar que os seus procesadores estaban libres de todo risco, pero iso non era totalmente exacto, e o fabricante ten que contribuír a mitigar estas ameazas a través de actualizacións de firmware e de software para o seu hardware, polo que vén de publicar un boletín de seguridade para dar conta das medidas adoptadas.
Das tres variantes das vulnerabilidades detectadas, os procesadores de AMD só se librarían totalmente de unha (a coñecida como Meltdown), pero para Spectre si teñen que tomar medidas para evitar que este problema de seguridade poida explotarse no futuro por algún tipo de malware.
Para as variantes que si afectan a AMD advirten que están a traballar con Microsoft para arranxar os problemas que xurdiron nos últimos días cunha das actualizacións de seguridade de Windows, permitindo así que para a semana que vén xa estean dispoñibles parches para practicamente todos os equipos afectados (que para Linux xa están dispoñibles) e que estiman que poderán illar completamente unha das variantes de Spectre, mentres que a outra variante, moi complicada de explotar, está a evitarse mediante parches de sistema operativo e actualizacións de microcódigo, polo que durante varias semanas irán distribuíndo numerosas actualizacións que buscan contribuír a evitar que Spectre poida converterse nunha seria ameaza para a seguridade informática.

PUBLICIDADE