AMEI Tui impulsa un laboratorio para promover referentes femininos STEM nos centros educativos
mércores, 18 de marzo do 2026
A Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI Tui) pon en marcha o proxecto AMEI Lab STEM, unha iniciativa educativa innovadora dirixida á infancia que ten como obxectivo promover a igualdade de xénero e combater os estereotipos sexistas nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Este programa desenvólvese no marco das subvencións da Deputación de Pontevedra dirixidas a entidades de iniciativa social sen fins de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero para o ano 2026.
AMEI Lab STEM terá carácter comarcal e desenvolverase en distintos concellos do Baixo Miño a través da realización de obradoiros didácticos en centros educativos, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Cada sesión combinará contidos educativos, reflexión crítica e dinámicas participativas mediante metodoloxías innovadoras baseadas na gamificación e no uso de ferramentas dixitais como tabletas, xogos interactivos e cuestionarios en liña.
Segundo explican as organizadoras, “o proxecto aposta por unha aprendizaxe activa e inclusiva, orientada á visibilización de referentes femininos no ámbito científico e tecnolóxico, á promoción de vocacións”
Ademais, incorpora a análise de fenómenos como o “Efecto Matilda”, contribuíndo a unha comprensión máis igualitaria da historia da ciencia. “Esta iniciativa”, engaden, “supón un paso adiante na traxectoria de AMEI Tui en materia de coeducación e igualdade, consolidando unha liña de intervención que evoluciona cara a propostas máis especializadas e adaptadas aos retos educativos actuais, co obxectivo de contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia machista desde a nenez”.
