AMETIC premia os esforzos do Goberno galego por levar o Camiño á era dixital

xoves, 17 de outubro do 2019 Redacción

A asociación AMETIC, patronal do sector da industria tecnolóxico-dixital en España, vén de premiar á Xunta no Congreso Digital Tourist por incorporar a innovación e a tecnoloxía no Camiño de Santiago. O galardón, que tamén salienta a xestión levada a cabo en relación ás rutas xacobeas, foi recollido na noite deste xoves 17 de outubro pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Os Premios Digital Tourist, ao abeiro dos cales o Goberno obtivo esta distinción, enxalza o labor de empresas, entidades locais e institucións que salienten na mellora, pola vía das tecnoloxías, da nosa experiencia viaxeira.
Segundo fixo saber a directora de Turismo, galardóns coma este son “un gran aliciente para continuar traballando para adaptar a peregrinación ao século XXI ao tempo que se avanza para que manteña a súa esencia histórica e espiritual”. Durante o acto lembrou “a aposta da Xunta por incorporar a innovación á ruta xacobea”, un obxectivo do que abrollaron ferramentas concretas como unha aplicación móbil con información en tempo real sobre a ruta, un portal especializado no Camiño de Santiago ou servizos para peregrinos durante o percorrido como Wi-Fi de balde nos albergues da rede pública do Xacobeo.
Castro tamén fixo fincapé nos esforzos despregados en accesibilidade, “poñendo a disposición dos peregrinos habitacións especialmente adaptadas para persoas con necesidades especiais”, e puxo o foco en vindeiras medidas como a instalación de pictogramas para persoas con discapacidade cognitiva ou habilitar drons para trasladar material médico ante posíbeis urxencias cardíacas entre os peregrinos.
Os Premios Digital Tourist son convocados por primeira vez pola asociación AMETIC e enmárcanse no II Congreso Digital Tourist que se está celebrando en Benidorm. Nel concorren un nutrido grupo de representantes do ámbito empresarial e institucional que afondan sobre diferentes temáticas asociadas ao turismo intelixente.

PUBLICIDADE