AMETIC presenta o caso galego como exemplo de boas prácticas en Compra Pública Innovadora

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

A patronal tecnolóxica española AMETIC (Asociación de Empresas TIC) organizou este xoves 6 de outubro unha xornada en liña sobre a fórmula da Compra Pública Innovadora como instrumento de colaboración público-privada. Púxose o foco no “caso galego” con representantes da Axencia Galega de Innovación. Participou a directora de GAIN, Patricia Argerey, que destacou que a estratexia da CPI é “o mellor instrumento de apoio á I+D+i do que dispoñen as administracións públicas e o máis acaído aos intereses das empresas”.
Argerey fixo estas declaracións no marco da xornada La Compra Pública Innovadora (CPI) como instrumento de colaboración público-privada: el caso gallego, na que se presentou a iniciativa desenvolvida en Galicia como exemplo de boas prácticas no uso deste instrumento de contratación pública. A directora lembrou que a nosa Comunidade executou máis de 300 millóns de euros de fondos propios e europeos en proxectos de CPI en algo máis dunha década.
Argerey subliñou entre as vantaxes deste instrumento que “permite mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores; fomentar a innovación empresarial desde a demanda; impulsar a internacionalización da innovación; e compartir os riscos e beneficios inherentes á innovación co tecido empresarial”. Así mesmo, dixo, “supón unha oportunidade moi valiosa para consolidar a cultura da innovación dentro da administración pública”.
Dentro dos proxectos executados por Galicia a través de CPI, a directora destacou o Polo Aeroespacial de Galicia, “unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa”, liderada pola Xunta en colaboración con outras administracións, na que están a participar máis de 50 axentes (empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento), para desenvolver unha industria e un ecosistema de coñecemento ao redor de solucións innovadoras baseadas nas tecnoloxías dos vehículos non tripulados.
Patricia Argerey puxo o Polo Aeroespacial de Galicia como exemplo de política de I+D+i que serve de panca á política industrial, en liña coa especialización e concentración de recursos en sectores de alta tecnoloxía recollidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, e empregando a Compra Pública de Innovación para maximizar o impacto dos fondos públicos.

PUBLICIDADE