AMTEGA, Cultura e FEGAMP impulsan a modernización tecnolóxica dos nosos servizos bibliotecarios

venres, 19 de maio do 2017 Redacción

Optimizar ao máximo a actividade (conxunta e por separado) das nosas bibliotecas a través das novas tecnoloxías da información. Máis, polo miúdo, a través do software libre. Este é un dos grandes obxectivos do convenio que veñen de asinar, esta mañá, a Consellería de Cultura, a axencia AMTEGA e a FEGAMP, un acordo a tres bandas co que se busca integrar 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais no catálogo colectivo de Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Esta Rede, sinalouse, contará cun novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, “un software aberto que abre as portas da integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorno unificado”. Será un espazo centralizado e único ao servizo de dúas liñas de actividade: o labor dos técnicos das bibliotecas e a actividade de consulta da cidadanía.
Estas iniciativas foron debulladas polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García.
Na formalización do convenio, Pereira lembrou que esta actuación conta cun investimento de 1,1 millóns de euros no período 2016-2018, co-financiados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios. O presidente da FEGAMP, pola súa banda, salientou que dende a entidade que representa “sempre se apoiarán todas aquelas iniciativas que traten de mellorar, modernizar ou simplificar os procesos que vaian na procura de mellorar o acceso á documentación”. Tamén dixo que o labor da federación ao abeiro deste acordo presentado hoxe é “impulsar a addenda dos concellos aos que representan a participar nunha iniciativa que vén a favorecer aos usuarios de bibliotecas de toda Galicia, simplificando e amplificando as posibilidades da procura de material bibliográfico”.
Na sinatura do acordo explicouse que na primeira fase deste proceso de integración, iniciada en 2016, incorporáronse ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas. A andaina que comeza agora, a segunda, abranguerá a integración dun total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais que na actualidade contan con diferentes programas de xestión. Trátase, en palabras do conselleiro de Cultura, dun proceso de “integración progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede”. Nunha seguinte fase irase completando a incorporación das restantes bibliotecas e abordarase tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.
As 70 bibliotecas e axencias de lectura que se incorporan nesta segunda fase ao sistema integrado de xestión bibliotecaria son dos concellos da Laracha, da Pobra do Caramiñal, de Ames, de Baiona, de Barbadás, de Boiro, de Brión, de Burela, de Cambre, de Cangas, de Carballo, de Carral, de Cedeira, de Cee, de Celanova, de Culleredo, de Fene, de Foz, do Grove, de Lalín, de Marín, de Moaña, de Monforte de Lemos, de Mos, de Narón, de Nigrán, do Saviñao, de Oroso, de Ourense, de Ponteareas, do Porriño, de Redondela, de Rianxo, de Ribadavia, de Ribadeo, de Ribeira, de Sada, de Teo, de Verín, de Vilalba, de Xinzo de Limia, de Bueu e das Pontes de García Rodríguez.
A día de hoxe xa están integradas a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, e as bibliotecas especializadas de arquivos e museos xestionadas pola Consellería; a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as fundacións Manuel María e Vicente Risco, a biblioteca do Convento de San Francisco e o CGAI, xunto coas bibliotecas públicas municipais de Ferrol, Vigo, Oleiros, Laxe, Sanxenxo e Ortigueira.
Segundo se fixo saber na formalización do acordo, a maiores de todo o de todo o devandito, o novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios e as usuarias de cada biblioteca e da Rede en xeral ao crearse un catálogo único, accesíbel a través da web rbgalicia.xunta.gal. Ademais, sinalouse, os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dará acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas.
O vindeiro 26 de maio, a Cidade da Cultura acollerá unha xornada técnica á que está convocado o persoal técnico das novas bibliotecas e axencias de lectura que se incorporan ao sistema, para darlles a coñecer as potencialidades do mesmo.

PUBLICIDADE