AMTEGA, Traballo e catro plataformas empresariais galegas unen forzas para impulsar a responsabilidade social TIC

mércores, 20 de novembro do 2013 Redacción

A actividade económica e produtiva débese á sociedade na que se insire, e por extensión a tódalas sociedades. Non hai riqueza que se extraia da nada e cada persoa que nos rodea é responsábel, en maior ou menor medida, do medre empresarial da súa terra. Isto sábeno ben moitas das nosas empresas TIC, un exemplo destacábel deste beneficio mutuo e deste fluxo de ida e volta, da cidadanía á empresa e da empresa á cidadanía. Falamos de Responsabilidade Social Empresarial, o eixo temático do protocolo asinado en Santiago co obxectivo de impulsar aínda máis esta responsabilidade no sector TIC e fomentar a difusión de produtos e solucións de tecnoloxía social. Estes son os seus obxectivos globais.
Por certo que o protocolo foi asinado pola a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e os presidentes as entidades empresariais AGESTIC, José María López Bourio; EGANET, Víctor López García; o Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral e o vicepresidente de AGASOL, Javier Castaño Garcia.
Esta colaboración inscríbese no marco de actuacións que a Xunta está a desenvolver no eido da Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e para potenciar as actuacións que está a realizar o sector TIC nesta materia, facendo fincapé na tecnoloxía social.
Entre outras medidas o protocolo asinado na Cidade da Cultura prevé a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas de RSE para o sector TIC, coa información achegada polas asociacións asinantes e que servirá de base para a creación dunha plataforma sectorial TIC de fomento da RSE. Asemade, fíxose saber que ao longo de 2014 realizaranse 7 xornadas de difusión e boas prácticas organizadas por todas as partes asinantes así como actividades de formación práctica sobre como implantar e xestionar a RSE no sector TIC en colaboración coas asociacións.
Tamén se informou na sinatura do protocolo que o Observatorio da Sociedade da Información e da Comunicación de Galicia (OSIMGA), dependente da AMTEGA, elaborará o vindeiro ano un estudo monográfico sobre a RSE no sector TIC, “que será resultado das respostas ás preguntas específicas que se incluirán sobre este tema na súa enquisa anual sobre as empresas TIC galegas”, fíxose saber.
Por outra banda, no transcurso da presentación deste protocolo público-empresarial, a Consellería de Traballo e AMTEGA salientaron que a colaboración “dá continuidade ás actuacións que os seus departamentos están a desenvolver nesta materia”. No caso de AMTEGA, Mar Pereira salientou “o labor de mecenas dixitais que están a desenvolver as 23 empresas tecnolóxicas adheridas ao Programa de Voluntariado Dixital, que se puxo en marcha en 2012 e cuxos mecenas-colaboradores, este último ano, cooperaron activamente co programa para achegar as TIC aos colectivos máis afectados pola fenda dixital contribuíndo economicamente no programa de formación, mediante a doazón de equipamento TIC e outros bens, cedendo o uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos”.
Desde a Consellería de Traballo e Benestar destacouse o impulso da RSE a través das tecnoloxías como o software XUNTA-PRO-RSE, que o departamento autonómico ten a disposición de todas as empresas galegas para axudalas a integrar as variábeis da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) na súa xestión. “Con iso”, sinalou Beatriz Mato, “conseguiranse empresas máis sólidas, comprometidas co emprego e coa sociedade e eficaces, mellorando o seu posicionamento e visibilidade para competir nun mundo globalizado”.
Xornada sobre Boas Prácticas de RSE
Tras a sinatura do acordo celebrouse unha Xornada sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC galego, organizada pola AMEGA en colaboración con Traballo. Grazas a este evento, os asistentes coñeceron de primeira man 12 iniciativas de empresas TIC en catro ámbitos distintos da Responsabilidade Social Empresarial. A primeira mesa de debate expuxo solución ou produtos TIC orientadas ao eido da saúde, o benestar ou o envellecemento activo, cos casos concretos de Imaxdi, Bahía Software e Wireless Galicia. Na mesa de boas prácticas para mellorar o lugar de traballo, Elogia, Everis e Igailia deron conta das medidas que desenvolveron para conciliar a vida laboral e familiar, promover a igualdade de oportunidades, mellorar a comunicación interna e facilitar a formación do seu persoal. A terceira mesa abordou as boas prácticas con impacto na comunidade da man de Iterdata, Balidea e Abertal que expuxeron iniciativas como o voluntariado corporativo, as que favorecen a integración social ou laboral a nivel local, doazóns en metálico ou especies a institucións sociais...
A cuarta e última mesa de mañá analizou casos integrais de boas prácticas, coas empresas Ednon , R e Tecnocom, como exemplos de entidades que integran a RSE de forma transversal en todas as funcións de negocio.

PUBLICIDADE