AMTEGA abre a inscrición do curso para obter a ComDix nivel de iniciación

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de 300 prazas para realizar un curso de teleformación titorizado cuxa superación posibilita obter de forma inmediata a certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no nivel de Iniciación. As inscricións poderán realizarse dende este xoves, 24 de abril, ata o vindeiro 5 de maio, a través da páxina web da Rede CeMIT.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía cos únicos requisitos de ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT, e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a relación provisional das 300 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT e realizarase un sorteo para establecer a orde das persoas con dereito a matriculación, así como unha listaxe de reservas.
O curso, de 250 horas de duración, impártese na modalidade de teleformación con avaliación continua e conta con titorías de apoio. Unha das novidades desta edición é que cada un dos bloques será accesible para os participantes de forma individualizada, cun tempo máximo de finalización para que o alumnado fixar o seu propio ritmo de seguimento.
O curso, realizarase na plataforma de teleformación da rede CeMIT e está estruturado nun bloque introdutorio Empezamos e 6 bloques temáticos que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais. Está deseñado “para favorecer unha aprendizaxe progresiva e conta con actividades prácticas propostas polo titor e cuestionarios parciais e final”, explica AMTEGA, engadindo que trala superación de cada bloque temático as persoas participantes obterán un diploma de aproveitamento por cada un deles. A superación das probas e tarefas da todos os bloques temáticos dará dereito a expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix) no seu nivel Iniciación, que será emitido de oficio pola AMTEGA.