AMTEGA achega ao Consello de Contas a carteira de servizos dixitais da eAdministración

mércores, 20 de decembro do 2023 S. P.

O Consello de Contas súmase ás entidades públicas que acceden á carteira de servizos e infraestruturas dixitais que a Xunta pon á disposición das administracións autonómicas. Esta colaboración formalizouse a través dun convenio asinado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, e o Conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro.
En virtude desta alianza, o Consello de Contas poderá empregar servizos chave da administración dixital como a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que posibilita a consulta de datos e documentos entre diferentes administracións; o sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal; o Rexistro Electrónico de Apoderamentos, que permite ás persoas físicas e xurídicas outorgar poderes a outras persoas ou entidades para actuar no seu nome nas relacións ante as administracións públicas; as plataformas de contratos e licitación e o sistema de facturación electrónica, ademais doutros que se poidan engadir.
O convenio inclúe ademais a posibilidade de que o Consello de Contas se adhira a acordos marco xestionados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos que actúa como departamento de contratación centralizada.
Este acordo encádrase na aposta da Xunta por “compartir recursos e infraestruturas entre administracións para evitar duplicar esforzos e investimentos e axilizar a implantación da Administración Electrónica tanto a nivel local como autonómico”.