AMTEGA advirte dos problemas de deixar de considerar a telefonía e a Internet obrigas de servizo público
venres, 15 de novembro do 2024
A axencia autonómica AMTEGA vén de emitir un comunicado no que resume a súa proposta respecto da consulta pública do Goberno sobre a conveniencia de seguir considerando a telefonía fixa e Internet como unha obriga de servizo público universal. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) advertiu ao Executivo central dos “riscos” que implicaría que os ditos servizos perderan esta cualificación, sobre todo para as áreas rurais de poboación dispersa, unha das principais características demográficas do territorio galego.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia respondeu así a unha consulta pública do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública ante a finalización do período de concesión deste servizo en xaneiro de 2025.
AMTEGA lembra que na actualidade “están considerados como parte do servizo universal as comunicacións fixas con capacidade de banda larga a unha velocidade mínima de 10 Mbps e os servizos de comunicacións vocais nunha localización fixa; esta consideración debe manterse ata que se comprobe que calquera destes servizos poida ser proporcionado por calquera operador en competencia, condicións de prezo, cobertura e calidade de servizo”. A axencia engade que para cambiar esta situación é necesario un informe da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e audiencia ás partes interesadas, e neste contexto, precisamente, enmárcase a consulta pública do Goberno.
Na súa resposta, a Xunta lembra que a telefonía fixa “continúa a ser de especial importancia entre a poboación de maior idade e de zonas máis rurais”. Tamén sinala que en Galicia “polas súas características orográficas e sociodemográficas, a dispoñibilidade da telefonía fixa no fogar segue a ser un servizo demandado e de vital importancia para as persoas de avanzada idade ou en situacións vulnerables, que aínda necesitan un terminal fixo de voz no día a día”.
Engade que a día de hoxe -”nin o programa UNICO Demanda Rural, que remata en 2027, ni o resto dos programas estatais contemplan entre as obrigas aos operadores a universalización deste servizo de voz nunha localización fixa coas necesarias garantías, calidade e prezo accesíbel”.
No documento a Xunta volve a solicitar que a telefonía móbil de voz e datos sexa incluída no servizo universal, “ao menos nos municipios rurais e noutras zonas xeográficas con características sociais, económicas ou culturais especiais”. Cita como exemplos destas últimas o Camiño de Santiago, os parques naturais ou os grandes acontecementos. Neste sentido, lembra que “a necesidade de acceso a servizos de emerxencia en calquera situación e o potencial para a dinamización económica do rural fai que os servizos en mobilidade, tanto de datos como de voz, sexan necesarios e imprescindíbeis”.