AMTEGA colabora con FSC Inserta para achegar aos colectivos en risco o acceso ao CODIX

martes, 26 de setembro do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de achegarnos detalles do seu traballo conxunto con FSC Inserta, entidade de formación e emprego da Fundación ONCE. Segundo informa o organismo que preside Mar Pereira, esta colaboración vén dende 2016 e materialízase na preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) a persoas en situación de desemprego con diversidades funcionais, co fin de facilitar o seu acceso ao mercado laboral .
Froito desta colaboración, durante a xornada de hoxe realizaranse nas aulas CeMIT de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela unhas probas presenciais nas que participarán o alumnado formado previamente pola asociación FSC Inserta a través de diversos cursos en Ofimática de 190 horas formativas.
Dentro das liñas de colaboración de FSC Inserta co Plan de Inclusión Dixital, ademais da organización e desenvolvemento de actividades formativas, participan en eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TIC para proporcionar ás persoas con discapacidade as aptitudes dixitais para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social
Como lembraremos, a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos que integran o CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades para a cidadanía en xeral (1.570 en cursos de teleformación tutelada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da AMTEGA despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

PUBLICIDADE