AMTEGA comeza nos centros educativos adheridos a E-Dixgal a renovación de ultraportátiles

martes, 26 de decembro do 2017 Redacción

O Goberno galego vén de anunciar que xa comezou a renovar os equipos dos centros educativos que empregan o libro dixital. Máis en detalle, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciaron a pasada semana o devandito proceso de substitución de equipamento nos centros adheridos a iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar. En total, completouse a entrega de 1.200 ultraportátiles nunha vintena de centros que empregan o libro dixital.
Segundo fixo saber a entidade que preside Mar Pereira, a distribución dos equipos avanzará de maneira progresiva até finais de xaneiro. Nese intre está previsto completar o fornecemento de máis de 13.000 ultraportátiles para o alumnado e 2.000 portátiles para o profesorado, cos que se renovará o equipamento co que desenvolvían a súa actividade diaria os 154 centros que empregan o libro dixital.
AMTEGA tamén explicou que os novos equipos dos alumnos poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e traen integradas un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías como imaxes en 3D de planetas, táboa periódica ou editor de moléculas para ciencias; dicionarios para as materias de lingua; apps de experimentos e circuítos eléctricos para física ou de operacións e gráficas para matemáticas, entre outras.
Como lembraremos, a renovación de equipamento é unha das melloras previstas pola Xunta para impulsar a extensión do libro dixital nos centros educativos galegos.

PUBLICIDADE