AMTEGA convoca a 2ª edición dos Premios Axentes TIC da Rede CeMIT
xoves, 19 de xuño do 2025

- A Aula CeMIT de Verín nunha imaxe de arquivo
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou a segunda edición dos Premios Axentes TIC da Rede CeMiT, cuxas bases publica este xoves 19 de xuño o Diario Oficial de Galicia. O obxectivo destes galardóns é “recoñecer o labor que desenvolven estes profesionais para impulsar a capacitación dixital dos galegos desde a rede de aulas públicas”.
As persoas interesadas en participar poden presentar as súas candidaturas desde este 20 de xuño ata o vindeiro 18 de xullo. Os premios establecen tres categorías: Espazo Maker e Maiores Dixitais, que recoñecen as iniciativas máis creativas e orixinais orientadas á nenez, á xuventude e adultos, no primeiro caso e ás persoas maiores, no segundo. Ambas categorías están dotadas cun premio de 2.000 euros, se é unha candidatura individual e de 3.000 euros se se presenta en equipo. A terceira categoría é a de Axente TIC, que recoñece o esforzo e dedicación destes profesionais cun primeiro premio de 2.000 euros e un segundo premio de 1.000 euros.
As iniciativas que se presenten teñen que ter sido desenvoltas entre o 1 de xaneiro e o 18 de xullo deste ano e poden incluír o uso dos complementos tecnolóxicos punteiros cos que contan as aulas CeMIT: lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación.
Axentes TIC
Segundo lembra a AMTEGA, os axentes TIC desenvolven “un papel fundamental na Rede CeMIT, dinamizando as actividades das aulas e prestando apoio á cidadanía no uso das tecnoloxías”. As aulas ofrecen, principalmente, formación orientada á alfabetización e á capacitación dixital, ademais doutras actividades máis especializadas como o uso da impresión 3D, voo de drons, programación e robótica ou o emprego de ferramentas de intelixencia artificial.
Actualmente, a Rede conta con preto de 120.000 usuarios e leva impartidas máis de 591.259 horas de formación dixital gratuíta desde a súa posta en marcha.
