AMTEGA e 14 firmas familiarizan a 65 estudantes co día a día da profesión TIC

luns, 18 de marzo do 2019 Redacción

Este mes de marzo Plan Digitalent da axencia AMTEGA, iniciativa para o impulso das vocacións tecnolóxicas entre os nosos adolescentes, está a deparar ás rapazas e rapaces de entre 12 e 17 anos unha importante actividade de capacitación e adestramento: a segunda edición de Tecnólogos por unha día, no que está previsto que participen un total de 65 estudantes. O Plan Digitalent, fronte común de traballo no que tamén concorren activamente as empresas adheridas ao Pacto Dixital da Xunta, achégalle á rapazada a “oportunidade única” de experimentar en primeira persoa como é unha xornada laboral nas nosas grandes empresas TIC.
O obxectivo: mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas.
Segundo informa AMTEGA, as cifras de participación nesta actividade superaron as 200 solicitudes, o que duplica as solicitudes da edición anterior. Neste proceso, preto de 50 centros educativos de máis de 25 concellos desenvolveron “un papel fundamental”, lembra a axencia, “para a participación do seu alumnado”. As prazas asignáronse aplicando o resultado dun sorteo público, considerando as preferencias dos nenos e nenas participantes.
Durante este mes de marzo, AMTEGA e as empresas TIC están a acoller aos participantes ofrecéndolles a oportunidade de mergullarse nos seus proxectos tecnolóxicos, a través dos cales “coñecerán de preto as aplicacións das TIC no mundo empresarial e participarán na rutina diaria e nas actividades que os profesionais teñan na axenda, como sesións de traballo, reunións con socios ou clientes tecnolóxicos, etc”, explica a entidade que dirixe Mar Pereira, lembrando que a listaxe de empresas colaboradoras está conformada polas seguintes 14 firmas, que achegan un total de 20 centros de traballo diferentes: 3.14 Financial Contents; Aldaba Servicios Profesionales; Altia.; Cinfo Contenidos Informativos Especializados; Coremain; Dos Espacios Internet Consulting; DXC Technology Spain; Everis Spain; Orange; R Cable e Telecomunicacións; SIVSA, Soluciones Informáticas; Sixtema, Soluciones y Proyectos de Información; Tecalis Innovación e Televés.
En total, no curso 2018/2019, e tras estas dúas primeiras edicións de Tecnólogo por un día, máis de 100 nenos/as terán a oportunidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica: 38 prazas ofertadas na primeira edición e 65 prazas nesta segunda, o que implica un 71% máis que na primeira quenda.
A AMTEGA porá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para seguir achegando á mocidade ás profesións TIC.

PUBLICIDADE