AMTEGA e Orange organizan en outubro trece obradoiros para maiores sobre o uso dos móbiles

luns, 2 de outubro do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) segue a tirar proveito dos seus acordos coas operadoras de telecomunicacións no camiño de combater as fendas dixitais en calquera das súas manifestacións. Nesta liña, na liña de loitar contra a exclusión relativa ás TIC (ao tempo que se fomenta a dinamización social) sitúase a iniciativa Ao lado dos nosos maiores, posta en marcha con Orange. Trátase dun programa de actividades que abrangue obradoiros de balde sobre o uso de dispositivos móbiles para maiores. No mes de outubro, por terceiro mes consecutivo, achegará 13 obradoiros (entre o 2 e o 20 de outubro).
As actividades serán novamente nas aulas CeMIT dos concellos, un por cada taller. Terán unha duración máxima de 2 horas e estarán impartidos por persoal da dita compañía, que fornecerá aos asistentes de tabletas e móbiles para realizar as actividades do curso.
O obxectivo principal desta actividade, que se está a desenvolver en 23 concellos con aulas CeMIT, é “ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e se familiaricen coa tecnoloxía móbil”. Entre outros contidos tratarase como acceder ás redes móbiles e Wi-Fi, enviar e recibir WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono e/ou tableta.
O único requisito para poder asistir a estas actividade gratuíta é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da web http://cemit.xunta.gal.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020
Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola AMTEGA, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para “facilitar a calquera persoa, con independencia do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

PUBLICIDADE