AMTEGA e R anuncian que máis da metade dos galegos teñen acceso a servizos de ata 200 Mbps
luns, 2 de marzo do 2015

- Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Arturo Dopico, conselleiro delegado de R
AMTEGA vén de facer
exame do acadado por medio da colaboración entre a axencia e o
operador galego R ao abeiro do Plan de Banda de Larga e as redes de
nova xeración. Segundo informa o departamento que dirixe Mar
Pereira, máis
de 38.000 fogares e empresas dos núcleos obxectivo das redes de nova
xeración do Plan teñen contratadas conexións de 100 Mbps.
“Isto supón o 10,4% dos fogares destas zonas, catro veces máis
que a media estatal que non chega ao 2,6%”, sinala a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia, que engade que as devanditas
cifras emprazan a nosa Comunidade nos postos de cabeza en grao de
cumprimento dos obxectivos da Axenda Dixital Europea. Máis polo
miúdo, do obxectivo de asegurar que a metade dos fogares europeos
estean conectados a redes de 100 Mpbs en 2020.
Como lembra AMTEGA,
estes números foron acadados grazas á colaboración co operador R.
As actividades conxuntas xeradas, sinálase, “conseguiron
que máis de 1.400.000 galegos teñan acceso a redes de fibra óptica
de ata 200 Mbps”. A importancia destes
froitos é aínda maior, explica a axencia, se temos en conta que as
devanditas capacidades de conexión “permitirán
desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas
formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes
xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e
administracións”.
Segundo engade AMTEGA
facendo un pouco de repaso histórico, “Galicia foi unhas das
primeiras comunidades da Unión Europea que subvencionou a
implantación de redes de nova xeración,
conseguindo que estas fosen despregadas en preto de 200 núcleos de
máis de 500 habitantes, fóra das grandes cidades·.
Isto, como lembraremos, mobilizou
un investimento conxunto da Administración e o operador galego de
máis de 130 millóns de euros na nosa
terra.
