AMTEGA e RETEGAL mellorarán a cobertura móbil en 290 núcleos de poboación
martes, 5 de abril do 2022
Este
5 de abril soubemos máis datos relevantes sobre o espallamento da
cobertura de telefonía móbil de Galicia. Segundo informaron a
Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a
Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a
dita cobertura será obxecto de melloras en 290 núcleos de poboación
de 65 concellos. Así o fixeron saber durante unha xornada de
traballo na que avanzaron as medidas conxuntas impulsadas pola
axencia autonómica en materia de impulso ás telecomunicacións.
Na
reunión, na que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o
presidente da FEGAMP, Alberto Varela, concretouse o plan de actuación
que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as
actuacións.
Este
plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos,
que inclúe a posta a disposición da Xunta das parcelas nas que o
operador público RETEGAL construirá as torres de telecomunicación,
os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas.
Esta colaboración cos concellos xa se está a concretar en traballos
de campo levados a cabo por RETEGAL para identificar os emprazamentos
futuros das ditas torres. Neste senso, a día de hoxe máis do 97%
das administracións locais xa enviaron datos de contacto a RETEGAL
para iniciar o proceso de validación do proceso e desde o operador
público se lles trasladaron as áreas de busca máis apropiadas para
as parcelas. AMTEGA confirmou que “máis do 30% dos concellos
enviaron unha proposta de terreos para situar as torres de
telecomunicación, e o 85% destas propostas xa recibiron unha
validación previa”.
Convenio
AMTEGA-FEGAMP
A
dita liña de traballo arrincaba en 2019 coa sinatura dun convenio
entre AMTEGA e a FEGAMP que permitiu identificar as carencias de
cobertura móbil en todos os concellos que se adheriron ao programa.
Tras solicitar á Comisión Europea autorización para realizar esta
actuación a Xunta adxudicaba o pasado mes de decembro a primeira
liña de axudas para extensión de telefonía móbil aprobada por
Europa a Vodafone. O operador ofertou a mellora da cobertura na
totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos
requisitos establecidos. En total, 290 núcleos de 65 municipios das
catro provincias galegas.
Diagnose
da cobertura actual
As
dúas entidades tamén abordaron na xuntanza a situación da
cobertura móbil en Galicia e compartiron a diagnose en relación ao
impacto que ten a dispersión no despregamento das redes de
telecomunicacións. Neste sentido, ambas entidades coinciden na
necesidade de que o Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación dixital teña en conta este criterio no
desenvolvemento do Programa de Universalización de Infraestruturas
Dixitais para a Cohesión (UNICO).
AMTEGA
lembrou que ten trasladado ao Goberno do Estado “esta necesidade”
en “diferentes ocasións”, así como a modificación do actual
Servizo Universal de Banda Larga co “obxecto de incluír non só un
incremento da velocidade do acceso fixo a Internet nos fogares que é
de tan só de 1MB, senón tamén a cobertura móbil de Internet e
voz”.
AMTEGA
tamén recordou que o último dato dispoñible, de mediados de 2020,
sinala que o 72,2% dos galegos, dispoñen de cobertura de redes de
máis de 100Mbps, fronte ao 54,8% do ano 2014. Amais, sinalou a
axencia, a cobertura incrementouse en case un 32% dende 2014, “grazas
aos despregamentos derivados do Plan de Banda Larga 2014 (con 81
millóns de euros de Fondos FEDER, xestionados pola Administración
autonómica) e do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, (con 18,6
millóns de euros de Fondos FEADER, como actuación complementaria
ao Programa Estatal de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración)”.
