AMTEGA enfía 2021 cun orzamento de preto de 195 millóns de euros

venres, 4 de decembro do 2020 Redacción

JPEG - 234.6 KB
Mar Pereira nunha sesión recente de comunicación telemática

A Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) comezará 2021 fortalecida para o desenvolvemento da súa actividade, centrada en activar medidas e colaboracións que nos fagan avanzar dixitalmente. En concreto, contará cun orzamento un 48% maior e cun investimento que medra nun 75% para, en palabras da axencia que dirixe Mar Pereira, “favorecer a vida no rural, contribuír a impulsar o emprego e atraer talento dixital na Comunidade”. Amais, rematarase a extensión de redes de alta velocidade (de 100 Mbps) en máis de 600 núcleos do rural e implantarase a educación integramente dixital en terceiro e cuarto da ESO.
En concreto, o orzamento para o ano vindeiro será de 194.072.386 euros, 63 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Trátase, sinalou a axencia, “dun orzamento para avanzar na transición dixital que marca Europa, consolidar uns servizos públicos do século XXI, favorecer a vida no rural e contribuír a impulsar o emprego e atracción de talento dixital na Comunidade”.
Así o explicou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano, no que se destinarán máis de 152 millóns de euros, case un 75% máis que en 2020, a investimentos que poñen o foco en cinco áreas: a dixitalización do sector público; o impulso á dixitalización dos sectores económicos; a conformación dun territorio intelixente e conectado; á inclusión e a capacitación dixital da sociedade e ao reforzar o ecosistema dixital.
Pereira engadiu que “son os primeiros orzamentos da axencia pública que integran as partidas orzamentarias do CIXTEC” co que, segundo sinalou a directora, “avanzamos na consolidación das capacidades dixitais da administración autonómica nun momento de importantes proxectos de transformación dixital na Comunidade”.
Dixitalización do sector público
Os orzamentos da AMTEGA contemplan preto de 100 millóns de euros para os plans de dixitalización do sector público, tanto da administración xeral, como da xustiza, a educación, as políticas sociais, o emprego e as infraestruturas dixitais corporativas.
Segundo informou Pereira, “no ano 21 duplícase o investimento para avanzar cara a unha administración dixital e automatizada, incrementando os servizos online baixo o proxecto A Xunta no móbil, acompañando o novo regulamento do teletraballo cun plan de dotación do posto dixital avanzado do empregado público”. No eido da facenda pública, dixo, avanzarse cara un modelo integral de atención ao contribuínte e aplicaranse tecnoloxías avanzadas na procesos de loita contra.
No ámbito xudicial o obxectivo é estender o expediente xudicial electrónico, levando o modelo de salas de vistas dixitais ao 80% das salas e acadar o 100% con sistema de vídeo-conferencia, ademais de impulsar o teletraballo dos profesionais da xustiza.
No que respecta a educación dixital ampliarase a iniciativa E-Dixgal a 3º e 4º da ESO, con novos contidos curriculares e reforzaranse as infraestruturas e os servizos dixitais que se prestan a todos os centros educativos e familias.
En canto á dixitalización dos servizos sociais a directora da axencia dixo que se vai lanzar o Portal eSocial, a plataforma Asiste, para facilitar de xeito gratuíto aos maiores un “asistente social no móbil”; e, tamén procederase a arrincar o Plan de Impulso ao Modelo Dixital Sociosanitario no ámbito residencial da man da Consellerías de Política Social e Sanidade.
Na área de emprego, con 2,9 millóns de euros abordarase a posta marcha dun plan de dixitalización do sistema público de emprego.
Tamén e vai ampliar o CPD integral da Xunta de Galicia.
Impulso á dixitalización de sectores económicos
Mar Pereira engadiu que en 2021 investiranse máis de 20 millóns de euros na dixitalización dos sectores primarios, cultural, turístico e en facilitar a transformación dixital do tecido empresarial. A xestión avanzada das explotacións agrarias, a través da plataforma Agro 4.0, a potenciación do sistema de vixilancia de incendios ou a extensión da iniciativa de dixitalización lonxas 4.0 a 35 rulas son algunhas das medidas para os sectores primarios.
Segundo explicou máis en detalle, “continuarase avanzando na transformación dixital do sectores turístico e cultural incrementando os medios tecnolóxicos as oficinas de turismo; provendo de cobertura Wi-Fi aos albergues públicos do Camiño; ampliando a Rede Dixital de Bibliotecas de Galicia coa integración de 450 novas bibliotecas, e coa posta en marcha do proxecto Galiciana Semántica, baseado nun modelo de xeración e grafos de coñecemento”.
Por outra banda, impulsarase a transición dixital a máis de 200 pemes e autónomos, a través do programa Reacciona, no que colabora a AMTEGA, e impulsarase o sector dos contidos dixitais cunha nova plataforma de contido dixitais interactivos para nenos en idade escolar, en colaboración coa TVG.
Territorio intelixente e conectado
De xeito complementario ao Estado, seguirase mellorando a conectividade co remate da extensión de fibra óptica en 614 núcleos do rural; co inicio do plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas e cunha nova convocatoria para achegar as redes ultrarrápidas ás empresas que se atopan en zonas de conectividade limitada.
Ademais abordarase o desenvolvemento da Plataforma Territorio intelixente, que sobre unha base cartográfica e a través de tecnoloxías avanzadas, permitirá mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional e das estratexias de sustentabilidade ambiental.
Inclusión e capacitación dixital
No 2021 con máis de 10 millóns de euros o abordarase a reconfiguración das aulas CeMIT adaptándoas as novas demandas de capacitación dixital, desenvolveranse preto de 40 actuacións do Plan Talento Dixital parar “reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital” e porase en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais para “que cidadáns e empregados públicos poidan acreditar os coñecementos e habilidades que require o actual contexto dixital”.
Impulso ao ecosistema dixital
O impulso ao ecosistema dixital contará con 11 millóns de euros que permitirán, entre outras medidas, a apertura a principios de ano do Centro Gaiastech, un espazo de demostración e experimentación tecnolóxica, a posta en marcha o Programa Gobtech para impulsar uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector publico en colaboración coas pemes e start-ups galegas e facilitar un un catálogo de servizos. través do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, para fortalecer as capacidades en ciberseguridade da sociedade e a economía galega.

PUBLICIDADE