AMTEGA inaugura a súa contribución á Mobile Week Coruña cunha xornada sobre ciberseguridade

martes, 20 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Sinatura da colaboración entre o Club Financeiro Atlántico e AMTEGA para as actividades de Mobile Week Coruña

Xa o avanzamos onte en Código Cero nos seus detalles máis xenéricos: está a piques de comezar (mañá, oficialmente) a gran semana tecnolóxica da nosa terra, a primeira edición da Mobile Week Coruña. Unha das entidades que máis está a traballar a prol do acontecemento e das súas ramificacións é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), quen salienta o feito de que a nosa terra sexa a primeira Comunidade Autónoma elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Catalunya. AMTEGA, máis polo miúdo, colabora con 17 das máis de cen actividades previstas en 20 recantos diferentes da Coruña, da súa contorna metropolitana e mesmo de Compostela. A programación está dispoñíbel na web da MWC.
A axencia autonómica inaugura a súa participación no evento cunha sesión sobre ciberseguridade, este mércores 21, para empresas e cidadáns na Cidade da Cultura. Artéllase nunha sesión matutina, #PemeSegura.gal: Xornada de ciberseguridade, que está dirixida ás empresas para equipalas con recursos que lles axuden a estaren preparadas contra os ciberataques. A xornada contará con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE, e Enrique Serrano, co-fundador de Mundo Hacker. A xeira matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornas industriais ou os incidentes de seguridade.
Segundo explica AMTEGA, esta actividade está destinada a xerentes e responsábeis de empresa e de seguridade e, en xeral, profesionais con interese en abordar o impacto da protección en liña na competitividade das organizacións. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñíbel para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde.
A ciberseguridade no fogar
Esta actividade busca equipar ás familias con medidas para garantir a protección fronte as ameazas nas redes, prácticas como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberacoso ou a fraude dixital. A sesión da tarde, Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s, abordará estes riscos da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias. Así, a asociación Pantallas Amigas; Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de ABANCA, compartirán coas persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsábel de Internet así como evitar fraudes dixitais, como o pirateo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensíbel.
A sesión da tarde está dirixida a pais e nais, nenos e nenas, profesionais da educación e cidadanía en xeral. A asistencia é de balde e cómpre inscribirse na web da MWC.
17 actividades da Coruña ao Gaiás
A devandita xornada dupla de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a axencia autonómica contribúe coa arela da Mobile Week Coruña de “irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade”. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en Internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.
As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través da conta cemit@xunta.gal.

PUBLICIDADE