AMTEGA introduce o uso da IA na plataforma de loita contra os incendios forestais

xoves, 20 de marzo do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) está a facer esforzos para introducir o uso da Intelixencia Artificial na detección de incendios, a cartografía de pistas forestais ou a xestión das alertas ante lumes de especial gravidade e de última xeración. Así o anunciou este xoves 20 de marzo o director da Axencia, Julián Cerviño, durante a visita que realizou ao Centro de Coordinación Central de Galicia de Defensa contra os Incendios Forestais. Foi recibido no Centro de Control polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o seu equipo.
Na súa estadía explicou que “as tecnoloxías que empregan IA estanse a introducir para dar novo pulo nos sistemas de información de apoio na xestión en tempo real dos lumes en Galicia, que xa son unha referencia tanto a nivel nacional como europeo”, e que a Xunta optou polo desenvolvemento de sistemas específicos e adaptados ás necesidades do territorio dende unha posición de vangarda. “O corazón do sistema e Xeocode 3.0dispón de ata 16 aplicacións satélite que cobren todos os ámbitos de prevención e extinción de incendios”, engadiu, explicando que estas aplicacións permiten a localización e seguimento dun extenso operativo composto por uns 20 avións de carga e helicópteros propios; 400 medios terrestres, como motobombas, cisternas ou maquinaria pesada; e máis de 7.000 persoas en períodos de alto risco.
Deste xeito, os técnicos que participan nun operativo dispoñen de información en tempo real sobre a xestión do lume no que participan a través de tabletas e teléfonos móbiles, utilidades que “lles permiten dispor da información cartográfica, buscar topónimos, localizar por GPD os recursos asignados ou coñecer as mellores rutas de acceso”.
Lembrar que o Centro de Coordinación ten acceso á Rede de Vixilancia dos Espazo Forestais de Galicia, que está en proceso de ampliación con 12 novos centros. Esta rede permite manter monitorizadas as zonas con maior risco e vixían máis do 85% do territorio galego. Tamén se traballa avaliando simuladores que podan axudar a prever a evolución dos incendios forestais en calquera punto da Comunidade en función das propiedades combustíbeis da masa forestal, das características do terreo e das condicións meteorolóxicas.