AMTEGA lanza a edición online do seu programa para mergullar estudantes na realidade das empresas TIC

luns, 8 de marzo do 2021 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) puxo en marcha unha nova edición do programa Tecnólogo por un día, iniciativa do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent) que, igual que nas convocatorias previas, contará coa colaboración de empresas do sector tecnolóxico galego para acompañar ás e aos participantes nas distintas sesións. Por certo que nesta nova entrega de Tecnológo por un día, para garantir a máxima seguridade todas as persoas implicadas, optouse por converter a metodoloxía do programa ao formato online. Participarán unha vez máis estudantes de 15 a 17 anos, que terá unha ocasión inmellorábel para mergullarse na realidade profesional dunha empresa TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
A primeira modalidade, Digital beginner, permitirá a 72 estudantes participar en obradoiros prácticos ou a resolución de retos e problemas de proxectos reais de forma remota, “un xeito único de inmersión nestes traballos da man de profesionais voluntarios/as que lles permitirán achegarse ás ferramentas e coñecementos empregados no día a día”, en palabras da axencia AMTEGA.
A segunda modalidade, Digital Recruit, con 38 prazas dispoñíbeis, consiste nunha cita con responsábeis de captación de talento nas empresas TIC para que os participantes coñezan en detalle as capacidades ou coñecementos máis demandados polas empresas deste sector.
E, por último, Mentoring DigiTalent, dará a oportunidade a 42 alumnos/as de manter “un encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria no sector TIC que poidan proxectarse como figuras e modelos a emular para os estudantes e co obxectivo de mellorar a súa comprensión e entendemento das profesións dixitais”.
Inscricións e desenvolvemento do programa
O prazo de inscrición ficará aberto até o 22 de marzo. Deberase cumprimentar o formulario dispoñíbel no espazo web digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/tecnólog-por-un-día, onde os docentes que inscriban ao alumnado poderán consultar as prazas ofertadas para cada modalidade de sesión por parte das empresas colaboradoras no programa, indicando as preferencias dos estudantes.
Unha vez rematado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo. Ademais, AMTEGA lembra que “co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas”, reservarase para elas un terzo das prazas. Posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario das sesións que resulte conveniente para ambos.
Durante os meses de abril e maio, os participantes mergullaranse nos proxectos tecnolóxicos das empresas TIC colaboradoras. Nesta nova edición os máis de 150 participantes serán acollidos polas 12 empresas participantes: Altia, DXC Technology, Everis, Inetum, Satec, Sivsa (Grupo Kiom), R Cable y Telecable Telecomunicaciones, Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.
Actuacións DigiTalent dirixidas á nenez e adolescencia
Actualmente, atópanse en curso cinco iniciativas do catálogo DigiTalent orientadas a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos: Formacións técnicas e Mentoring Day da man de Televés, o programa GenTech con sesións dixitais nos centros educativos da empresa Altia, o concurso de programación DXC Iberia Codes promovido por DXC Technology e o programa educativo DigiCraft no teu cole impulsado pola Fundación Vodafone en colaboración coa AMTEGA e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
A información sobre estas iniciativas, así como do resto do catálogo DigiTalent, está dispoñíbel no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea accesíbel.

PUBLICIDADE