AMTEGA libera o arquetipo corporativo de seu para favorecer o desenvolvemento de aplicacións Java

luns, 12 de febreiro do 2018 Redacción

Favorecer a reutilización do arquetipo corporativo de AMTEGA en beneficio de outras administracións, entidades ou particulares, e tamén, en beneficio do enriquecemento do propio arquetipo. Este é o gran obxectivo da liberación do modelo-esqueleto de seu que vén de impulsar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, unha liberación que resume o ideario básico do software libre e que, neste caso concreto, ampliaría os recursos dos que dispón a comunidade de desenvolvedores para dar forma a aplicacións Java Spring Web. Segundo informa a axencia, o código fonte está dispoñíbel no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, na Forxa de Mancomún.
O obxectivo deste novo ceibado de programas de AMTEGA é “pór a disposición de desenvolvedores, tanto particulares, empresas como outras administracións, o esqueleto común das aplicacións que se materializan na axencia, co fin de que poida servir como guía para a realización de aplicacións baseadas nesta tecnoloxía, favorecendo a reutilización e fomentando a estandarización das mesmas”. Así mesmo, permitirá “tamén que o traballo de liberación das novas solucións que se desenvolvan tomando como base este arquetipo sexa moito máis áxil e sinxelo”.
Segundo informan os desenvolvedores de AMTEGA, o código fonte dispoñibilizado acubilla, amais do modelo construtivo para dar forma a novas ferramentas, varios compoñentes transversais que se empregan dentro da axencia e aos que se lles pode dar unha manchea de novas vidas, dende en sistemas de autenticación de usuario a sistemas de configuración ou de plugins.
Para quen non o saiba, Spring é un framework ou entorno de traballo para o desenvolvemento de aplicacións web usando a linguaxe de programación Java. O arquetipo sería pois un “esqueleto base común para a realización de aplicacións”, que acubilla o alicerce preciso para construír sobre el funcionalidades máis específicas. Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega, quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

PUBLICIDADE