AMTEGA oferta 180 prazas para o seu curso preparatorio do CODIX

luns, 11 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de anunciar que a partir deste 12 de xuño fica aberto o prazo para inscribirnos na obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, o CODIX. A axencia que dirixe Mar Pereira tamén deu a coñecer que hai 180 prazas para o curso a distancia preparatorio (modalidade elearning) e que este comezará o 3 de setembro, estando previsto o seu remate para o 25 de novembro. O que si que será presencial será o exame da última semana de novembro, unha ve rematado o dito curso. Quen queira inscribirse na dita actividade formativa pode facelo a través da web da rede CeMIT.
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do repertorio nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto. Estas son as cinco unidades devanditas: Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas); Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas); Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas); Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 horas); e Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

PUBLICIDADE