AMTEGA participa en Canarias nun encontro autonómico arredor da dixitalización das emerxencias

xoves, 30 de xaneiro do 2025 S. P.

A Xunta, a través da axencia AMTEGA, participou no IV Foro de Responsables Autonómico de Dixitalización na illa canaria da Palma, no marco do Foro de Transformación Dixital organizado polo Goberno de Canarias, en colaboración co Cabildo da Palma.
En representación do Goberno galego asistiu ao encontro o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño. Os representantes autonómicos reuníronse en Puerto Naos, unha zona na que se empregaron sistemas tecnolóxicos de control de gases para asegurar o retorno da poboación tras a erupción do volcán Tajogaite. Precisamente, a xestión de emerxencias con sistemas tecnolóxicos foi un dos argumentos do Foro.
Cerviño lembrou que o Goberno autonómico emprega as tecnoloxías para a resposta en situacións de emerxencia en iniciativas como o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, que conta cunha rede de vídeo vixilancia e monitoraxe para o seguimento dos lumes a tempo real.
As persoas asistentes tamén intercambiaron coñecementos e experiencias sobre o uso da intelixencia artificial e sistemas de automatización no funcionamento da Administración e os servizos á cidadanía. A Xunta ten en marcha o III Plan de Administración e Goberno dixital, que inclúe unha plataforma de automatizacións e un acordo marco para a implantación de solucións baseados en tecnoloxías disruptivas, como a IA.