AMTEGA porá en marcha unha oficina virtual para a asistencia remota a vítimas de delitos

mércores, 12 de marzo do 2025 S. P.

A Xunta, a través de AMTEGA, porá en marcha este ano unha oficina virtual de asistencia ás vítimas de delitos, que, segundo informou a axencia, permitiralles contactar a través de vídeoconferencia cos equipos de profesionais que atenden estes centros. O obxectivo desta iniciativa é “ampliar o servizo que ofrecen actualmente as 7 oficinas de asistencia a vítima e facilitar unha atención personalizada e continua”. Ademais, activarase un espazo web con toda a información sobre os servizos destes centros para ampliar a súa difusión entre a sociedade.
A devandita é unha das iniciativas do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, que durante o pasado ano dotou as oficinas de asistencia á vítima dun sistema de información, adaptado ás necesidades e requirimentos dos psicólogos e traballadores sociais que traballan nelas, que permitiu rexistrar preto de 1.200 expedientes e facilita a atención e o seguimento das persoas.
Ao abeiro do plan procederase tamén á renovación da plataforma de gravación de vistas. Así, a nova versión do sistema eFidelius incorporará actualizacións tecnolóxicas e novas funcionalidades que farán o seu uso máis sinxelo e reforzarán a seguridade. En 2024 a plataforma realizou máis de 114.000 gravacións, un 19 % máis que en 2023.
O achegamento da vía telemática á cidadanía é outro dos obxectivos da dixitalización da Xustiza, no que a sede electrónica xudicial ten un papel destacado. En 2024 os galegos e galegas presentaron máis de 20.300 escritos a través desta sede, preto dun 50 % máis que o ano anterior. En 2025 ampliaranse as funcionalidades da sede xudicial e está prevista a publicación de novas versións, tanto da sede electrónica xudicial como do portal xustiza.gal.
Ademais, o plan avanza na consolidación do Expediente Xudicial Electrónico, no que máis de 3.200 profesionais entre xuíces, maxistrados, letrados, fiscais e persoal do IMELGA e dos Rexistros poden acceder a máis de 3,4 millóns de procedementos, que inclúen tanto documentos como gravacións de vistas. Amais, en 2025 implantarase un novo visor do expediente xudicial electrónico, un explorador que permitirá acceder e traballar cos documentos dunha forma máis intuitiva e eficiente”, informou a axencia AMTEGA, engadindo que a sinatura dixital incrementouse un 14 % en 2024, acadando os 4,5 millóns de asinados online: “Durante o 2024 ampliouse nun 33 % o número de persoas que dispoñen de acceso ao escritorio remoto, o que supón que 2.563 profesionais do eido xudicial poden teletraballar ou realizar o seu traballo en mobilidade”, apunta a axencia, lembrando que este ano rematará a implantación do novo modelo de rexistro civil, baseado na tramitación integramente electrónica, co que xa traballan 31 partidos xudiciais e 189 oficinas colaboradoras. En 2024 avanzouse na dixitalización dos libros de inscricións de nacementos, matrimonios e defuncións dos rexistros civís e xulgados de paz desde 1950.
Ademais, no balance de incorporacións á Xustiza dixital galega sinálase que o pasado ano despregáronse redes para a conexión Wi-Fi segura na práctica totalidade das salas de vistas e audiencias de xulgados galegos e dotouse de equipamento dixital a 20 salas de declaracións, conciliación ou multipropósito e a 5 salas “amables” (espazos para facilitar a participación nas vistas de persoas en risco).
A capacitación é unha das liñas de actuación do Plan para acompañar aos profesionais da Xustiza en todo o proceso e en 2024 realizáronse máis de 3.300 horas de formación.
Durante 2025 levaranse a cabo as accións necesarias para dar resposta á Lei Orgánica 1/2025, de 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza.
Todas estas actuacións enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da Xustiza, para “facela máis próxima á cidadanía e ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades”, sinala AMTEGA, concluíndo que o plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos.