ANFAIA e o CESGA convocan unha xornada para impulsar novos talentos galegos en IA

venres, 24 de xaneiro do 2025 S. P.

A asociación galega ANFAIA, centrada no progreso con Intelixencia Artificial, anunciou a posta en marcha das súas actividades en Galicia e inicia o camiño para explorar a colaboración interdisciplinar e, á vez, presentar un programa de bolsas propio en materia de Intelixencia Artificial. É o principal obxectivo dunha xornada, convocada en colaboración con CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, que se celebrará o vindeiro martes 28 de xaneiro ás 11h no salón de actos da ETSE.
Nela presentaranse os obxectivos e liñas de traballo desta nova entidade centrada no desenvolvemento futuro da Intelixencia Artificial en Galicia e desde Galicia. Para iso, organizouse unha mesa redonda na que participarán profesionais de diversos sectores para explorar a importancia da colaboración interdisciplinaria para avanzar neste eido.
A xornada comezará coa presentación da asociación e de bolsas de verán ás 11h e continuará ás 11:30h coa mesa redonda de expertos talles como Ismael Faro, fundador da asociación; Andrés Gómez, representante de CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia); e Javi Vázquez, representante de Trackingplan. Para poder asistir é necesario rexistrarse en liña ou a través do QR facilitado no cartel.
Ismael Faro Sertage é asesor e mentor tecnolóxico. Con máis de 25 anos de percorrido no eido do emprendemento e asistindo a novas firmas innovadoras (startups) a levar as súas ideas ao mercado, traballou e colaborou en proxectos open source, tanto empresariais como gobernamentais, dentro do marco da innovación tecnolóxica.