APD e R mostran este mércores na Coruña como facer medrar con IA o noso negocio

martes, 31 de xaneiro do 2023 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración coa operadora de orixe galega R, pon en marcha un encontro APD Talks con expertos para falar sobre Intelixencia Artificial nas empresas. A cita, este mércores 1 de febreiro, desenvolverase na sede Light & Studio, coincidindo na Coruña cos últimos días da mostra AI : More than Human, que os asistentes poderán visitar con guía ao final da xornada.
Como empregar a IA para o crecemento do teu negocio? é o título da xornada de charlas e coloquios, enmarcada nos encontros APD Talks da Asociación para o Progreso da Dirección, que se desenvolverá este mércores na Coruña, en horario de 16:00 a 18:10 h, no espazo de Light & Studio na Coruña (praza de María Pita, 13, baixo esquerda).
A idea é “profundar nas posibilidades que para a empresa de hoxe atesoura un tipo de intelixencia que marca e marcará unha nova era nun mundo cada vez máis dixitalizado: a Intelixencia Artificial”, explican APD e R, engadindo que o obxectivo concreto é “ofrecer aos altos responsábeis de empresa e profesionais de primeira liña claves aclaratorias de até que punto as ferramentas de IA son importantes para que as empresas desenvolvan o seu potencial e poidan medrar e competir optimizando recursos”.
Falarase tamén dos riscos e a fiabilidade da IA aplicada a procesos da organización e reforzarase o contido da xornada con casos reais de uso destas ferramentas disruptivas en diversas áreas de negocio.
Tras a apertura e introdución do evento por parte de Ana Sánchez, directora de APD Noroeste e de Alfredo Ramos, director de R, o responsábel comercial de Analítica e IA da operadora galega e da súa unidade operativa (BAI Analytics), Adrián Bertol, manterá con David Sánchez, responsábel de Produto e Desenvolvemento de Negocio da consultora tecnolóxica Baobab, un coloquio titulado Como a Intelixencia Artificial entende a linguaxe humana e pode axudar ao negocio. En palabras de Bertol “as empresas que usan os seus datos e analízanos teñen unha vantaxe competitiva moi importante. A IA non é algo do futuro, senón de hoxe”.
A tarde proseguirá coa mesa redonda A IA nos negocios, onde tomarán parte tamén Roberto Baratta, director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de Abanca, e a responsábel de Tecnoloxías da Información (CIO) da firma de conxelados e alimentación CONGALSA, Noemí Gil. Na mesa pasarase das ideas á realidade para falar da IA na empresa con referencias de casos concretos de aplicacións das novas ferramentas contados polos seus protagonistas.
A xornada finalizará coas preguntas do auditorio, que poderá interactuar cos/as relatores e resolver as súas dúbidas e inquietudes ao redor das aplicacións da IA na empresa.
Axenda
16.00 h Recepción de asistentes
16.30 h Apertura
16.35 h Coloquio. Como a IA entende a linguaxe humana e pode axudar ao teu negocio
17.15 h Mesa redonda. A IA nos negocios.
18.00 h Coloquio
18.10 h Fin do encontro
18.30 h Visita guiada á exposición IA More Than Human
A xornada contará coa colaboración da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), cuxos/as integrantes poderán participar de balde na actividade. As persoas interesadas deberán enviar un mail a comunicacion@aetg.gal solicitando o código de convite para poder facer a inscrición gratuíta á xornada na ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE