APD e R revalidan a súa colaboración a prol da ciberseguridade das empresas galegas

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

A Asociación para Progreso da Dirección e a operadora galega R veñen de renovar a súa colaboración para seguir traballando a prol da protección tecnolóxica das empresas da nosa terra. A directora da zona noroeste de APD, Ana Sánchez, e o director de R, Alfredo Ramos, confirmaron a renovación do acordo. A través deste marco de traballo conxunto, porán o foco na necesidade de robustecer a ciberseguridade das pemes, en pleno proceso de dixitalización.
Segundo explicaron, “o acordo de patrocinio recentemente renovado actualiza a confianza e a aposta que desde hai anos desenvolven conxuntamente empresa e asociación en aras de iniciativas que xeren valor nos membros da comunidade empresarial e, ao final, nas propias compañías”.
O director da operadora galega R (na que confían unhas 5.900 empresas do territorio) subliñou a súa satisfacción por “renovar o noso compromiso para seguir acompañando ás empresas de Galicia no seu percorrido cara á dixitalización plena. Ante as inxentes posibilidades tecnolóxicas dos nosos días (5G, Intelixencia Artificial, Big Data…) non podemos desviar o foco da ciberseguridade como unha das claves para o desenvolvemento das nosas pemes. Impulsar prácticas ciberseguras e formar a profesionais e directivos/as das empresas para crear contornas dixitais robustos é para R e APD unha prioridade compartida que poñeremos aínda máis en valor. Así, as nosas empresas poderán optimizar recursos e, sobre todo, competir a calquera nivel e en calquera mercado do mundo”, concluíu Alfredo Ramos.
Pola súa banda, a directora da zona noroeste de APD, Ana Sánchez, fixo fincapé en que “poñer en marcha accións conxuntas que potencien as relacións entre as organizacións de Galicia é fundamental para lograr unha comunidade máis preparada, capaz de afrontar os retos de futuro e ben enfocada para potenciar a xeración de novas oportunidades de negocio”.
Entre as actividades que se van a desenvolver en Galicia neste novo tramo de colaboración R-APD destaca un encontro networking sobre tecnoloxía e negocio, concibida como oportunidade para aprender de primeira man e poñer en práctica unha xestión efectiva e eficiente da ciberseguridade.
Os/as voceiras de R achegarán a súa visión sobre a transformación dixital das empresas galegas incidindo no necesario reforzo das contornas ciberseguras nun contexto que esixe adaptarse axiña aos cambios e protexer ás empresas das ameazas dixitais cada vez máis diversas e sofisticadas.
E todo iso, sinalaron, “compartindo ferramentas e coñecementos con expertos/as nun foro especializado en debullar as tendencias que están a cambiar ás persoas e ás empresas a unha velocidade abraiante nos nosos días”.

PUBLICIDADE