APD reuniu arredor dun cento de empresarios na súa xornada sobre imaxe empresarial

xoves, 2 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organizou onte en Compostela un encontro de profesionais da comunicación e da promoción en xeral orientada a avaliar polo miúdo os instrumentos dispoñibles arestora (dixitais, físicos, verbais) para mellorar na medida do posible os resultados de negocio dunha empresa. A xuntanza en cuestión, que se desenvolveu contando coa achega colaborativa da Asociación de Directivos de Comunicación (DIRCOM), serviu para reunir baixo un mesmo teito a arredor dun cento de directivos empresariais procedentes de todos os recantos da nosa terra.
O seu reto e máis dos organizadores: identificar os recursos máis rendibles e idóneos para relanzar a imaxe das súas respectivas compañías. Por certo que Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta, foi o encargado de clausurar o encontro, no que tamén participaron (na imaxe, de Adolfo Enríquez) a directora xeral de APD Noroeste, Loreto Sanmartín, e máis o presidente de DIRCOM, José Manuel Velasco.

PUBLICIDADE