ARCHOS anuncia un tablet con controis físicos pensados para xogar

mércores, 29 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Aínda que o uso de pantallas táctiles é cada vez máis habitual para xogar, non son a interface máis precisa para moitos títulos, eiva que quixo aproveitar ARCHOS para anunciar o seu GamePad, un tablet con Android 4.0 e pantalla de 7 polgadas que incorpora controis físicos nos seus laterais para funcionar como unha consola de videoxogos portátil, sen perder as posibilidades de calquera outro tablet Android (acceso a aplicacións, a páxinas web, á reprodución multimedia...) que pretende chegar ás tendas a finais de outubro a un prezo inferior aos 150 euros, o que fai que resulte un produto moi atractivo de cara á campaña de Nadal.
O ARCHOS GamePad funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, gráfica Mali 400mp de catro núcleos e un software que recoñece os xogos para mapear os seus controis e permitir dese xeito gozar de numerosos títulos cos botóns integrados no dispositivo. Este produto tamén é posible grazas a que Android 4.0 inclúe soporte para mandos externos, de xeito que moitos xogos xa están preparados para o seu uso con controis físicos.

PUBLICIDADE