ARCHOS pon á venda este mes tablets con procesador de 4 núcleos e Android 4.2

xoves, 3 de outubro do 2013 Marcus Fernández

ARCHOS anuncia hoxe que este mes porá á venda os seus novos tablets da gama Platinum, que incluirán procesadores de catro núcleos (A9 a 1,6 GHz), pantallas IPS, carcasas de aluminio e Android 4.2, vendéndose os modelos 80b, 101 e 97b a 149, 229,99 e 249,99 euros respectivamente.
O ARCHOS 80b Platinum ofrécese como un dispositivo con pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 440 gramos, que podemos ver como unha alternativa ao iPad mini cun prezo moi inferior.
O ARCHOS 101 Platinum é un tablet bastante discreto, cunha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, un grosor de 10 milímetros e un peso de 636 gramos que busca satisfacer aos que simplemente buscan unha pantalla de bo tamaño.
Pola contra, o ARCHOS 97b Platinum HD busca competir co iPad de Apple ao presentar unha pantalla de 9,7 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (equiparable ás pantallas Retina da compañía da mazá). Ten 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb, un grosor de 9 milímetros e un peso de 640 gramos.
Por norma xeral temos que ARCHOS consegue ofrece alternativas aos tablets estrela de Apple á metade de prezo, o que é un importante reclamo para os consumidores que buscan produtos de certa calidade pero non queren realizar grandes investimentos económicos nos mesmos.

PUBLICIDADE