ARCore 1.0 impulsará a realidade aumentada en Android

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O verán pasado Google anunciou ARCore, un kit de desenvolvemento para facilitar a creación de software de realidade aumentada para Android, como resposta ao ARKit de Apple, estando esta tecnoloxía en probas só para poucos terminais (concretamente os Google Pixel e o Samsung Galaxy S8), pero finalmente temos aquí o ARCore 1.0, o que supón o disparo de saída desta tecnoloxía que neste momento funciona en 13 modelos de smartphone, pero que ao longo do ano pretende chegar a dispositivos de numerosos fabricantes.
Quen teña un Google Pixel, Pixel XL, Pixel 2 e Pixel 2 XL, un Samsung Galaxy S8/S8+/Note8/S7/S7 edge, un LG V30/V30+, un Asus ZenFone AR ou un OnePlus 5 pode instalar o ARCore 1.0 de Google Play para poder correr logo as aplicacións que fan uso desta tecnoloxía e que xa están dispoñible para a súa descarga, aínda que a meirande delas non deixan de ser experimentos para comprobar o potencial desta plataforma de realidade aumentada que ao longo do ano pode dar moito de si.
Entre as experiencias de realidade aumentada Snapchat creou unha na que permite visitar o Nou Camp, Porsche fixo unha ferramenta para explorar un dos seus vehículos conceptuais e incluso hai xogos en desenvolvemento, como Ghostbusters World, que verá a luz este mesmo ano e ten toda a pinta de replicar a experiencia do célebre Pokémon GO, só que as criaturas que desta volta haberá que cazar serán pantasmas dos moitos tipos que teñen aparecido na franquía cinematográfica (que tamén contou con adaptacións televisivas, bandas deseñadas e videoxogos).

Vídeo promocional de Ghostbusters World

PUBLICIDADE