ARM propón as iSIM como solución para a Internet das Cousas

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como as tarxetas SIM dos móbiles eran cada vez máis cativas, pasando de SIM a micro SIM e logo a nano SIM, pero continúan a ocupar un espazo moi valioso nos dispositivos conectados, de aí que se propuxesen as eSIM, tarxetas SIM virtuais que inicialmente se implantarían en dispositivos conectados (como reloxos) para chegar logo aos smartphones (como os Pixel 2, que xa fan uso desta tecnoloxía). Pero agora ARM quere ir máis aló, e pensando na infinidade de dispositivos conectados que haberá nos vindeiros anos queren levar as eSIM un paso máis adiante, e anuncian unha especificación compatible que podería integrase no mesmo chip que alberga o microcontrolador e o modem, mantendo a seguridade propia das SIM e reducindo custos significativamente: as iSIM.
Prevese que en 2025 haxa 4.400 millóns de dispositivos da Internet das Cousas conectados mediante redes móbiles, e as solucións que garantan a verificación da identidade das conexións, teñan uns prezos reducidos e a súa aplicación sexa flexible resultan de grande interese para operadores e fabricantes, de aí que a aposta polo iSIM pareza bastante segura.

PUBLICIDADE