ARVI participa nun proxecto europeo que aplica Realidade Virtual á prevención de emerxencias no mar

luns, 20 de xuño do 2022 S. P.

O proxecto Erasmus+ chamado Realidade virtual para emerxencias marítimas, co acrónimo VR-ME, posto en marcha en 2019 por seis expertos provedores de educación e formación profesional, así como representantes da industria pesqueira europea, foi obxecto dunha xuntanza de traballo a semana pasada, na que se avaliaron os froitos acadados durante 30 meses de actividade, tarefas en boa medida focalizadas en desenvolver un programa de formación e un simulador de Realidade Virtual para emerxencias marítimas a bordo dun buque pesqueiro. Emerxencias como por exemplo incendios, o abandono do barco, colisións, caídas de persoas á auga, inundacións ou fracaso nas manobras.
A iniciativa VR-ME conta coa implicación directa de ARVI, Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (SP), que é o principal grupo de armadores de España e un dos máis importantes da Unión Europea. Neste proxecto achega a súa experiencia en servizos de formación e máis en prevención de riscos laborais.
“Tales emerxencias son situacións de tensións nas que a tripulación debe seguir directrices e procedementos específicos para garantir a súa seguridade. Para conseguir este fin, este innovador proxecto proporciona un complemento á formación en materia de emerxencias para profesionais do sector da pesca a partir da utilización de realidade virtual como ferramenta pioneira na industria pesqueira”, sinalaron os responsábeis do proxecto cuxos socios proveñen de Francia, Galicia (España), Holanda, Bélxica e Grecia. O consorcio está formado por, IMP, o solicitante, SGS Tecnos, SQ Learn, ARVI, Europêche, e PFA.
Durante o desenvolvemento do proxecto realizáronse cinco reunións transnacionais e desenvolvéronse diferentes tarefas en entre as que se atopan as seguintes:
1. Análise dos accidentes marítimos con consecuencias graves nos seguintes países: España, Bélxica, Holanda e Francia, esta baseábase en determinar as emerxencias marítimas máis comúns segundo o país e o tipo de buque pesqueiro, así como tamén a nivel europeo.
2. Identificación de riscos marítimos e medidas preventivas en buques pesqueiros de España, Bélxica, Holanda e Francia.
3. Desenvolvemento de procedementos para liquidar cada unha das emerxencias seguintes:
a. abandono do buque;
b. inundación/vía de auga;
c. incendio;
d. home á auga;
e. fallo de máquinas;
f. colisión/abordaxe.
Así como recompilación de toda a normativa que a nivel europeo afecta a estas emerxencias.
4. A partir das emerxencias e os procedementos identificados nas fases anteriores, os socios do proxecto adaptaron os procedementos de emerxencia a un storyboard para ser utilizados no desenvolvemento da contorna de RV (Realidade Virtual) onde o usuario poida moverse dentro dun buque pesqueiro, facendo fronte a varios escenarios de risco.
5. Posteriormente seleccionáronse as emerxencias que se adaptaron ao simulador en función da probabilidade de que ocorran, a gravidade e a adaptabilidade a unha contorna de aprendizaxe simulada: abandono do buque, incendio, home á auga.
6. Para que os socios do proxecto puidesen complementar e mellorar o simulador, levaron a cabo varias probas piloto cos futuros usuarios do curso de formación naqueles países europeos aos que pertence o consorcio. Desta maneira púidose coñecer a súa opinión, producir o manual para utilizar correctamente o programa informático e perfeccionar o simulador co programa de formación.
7. Actualmente estanse desenvolvendo diferentes xornadas de difusión nos diferentes países dos socios participantes para dar a coñecer o proxecto. En Galicia realizáronse dúas xornadas de difusión os días 27 de maio e 17 de xuño na que asistiron en maior medida mandos de buques pesqueiros e puideron coñecer de primeira man o conxunto deste innovador proxecto. Finalmente, no mes de xullo presentarase no Parlamento Europeo, ao obxecto de que a súa difusión sexa o mais ampla posíbel no ámbito do continente.

PUBLICIDADE