AS-PG publica na Rede o Xogo da Curuxa como alternativa á Oca
martes, 2 de xuño do 2009
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega
(AS-PG), un colectivo que se define a sí mesmo como un “movemento de renovación pedaxógica pioneiro de Galiza”, vén de por
na Rede un novo xogo en liña que, de seguro, vai satisfacer as necesidades de
ensino e aprendizaxe dos máis de mil asociados e asociados que a entidade tén
por todo o país e que están vencellados directa ou indirectamente cos ensinos
Primario, Secundario e Universitario.
Trátase do Xogo da Curuxa,
unha divertida aplicación baseada no tradicional Xogo da Oca que, polo de
agora, permite botar unicamente partidas individuais pero que os seus
responsables aseguran que “axiña será
tamén multixogador” .
A ferramenta, que se suma aos xa
existentes Trivial.gz e Letrad@s.gz (creados
pola mesma asociación), consiste en lanzar un dado e ir movendo a ficha ao
longo dun taboleiro virtual en espiral que, ao igual que o seu correspondente
xogo de mesa, está formado por diferentes cadros. Estes cadros, como sucede co
seu equivalente real, conteñen agochadas accións especiais como bonificacións ou castigos, mais, a diferenza deste último, cando un xogador ou
xogadora cae nunha casiña ten que superar unha proba para poder quedar nela ou
evitar un castigo.
Os usuarios e usuarias que cheguen ata o
último cadro e superen a proba que este contén, gañarán a partida.
No caso da versión final de varios
xogadores, que se prevé que estea lista antes do vindeiro verán, gañará aquel
usuario ou usuaria que chegue antes á devandita casiña e acerte.
