ASIME e CO2 Smart Tech amosaron as vantaxes de empregarmos tecnoloxías smart na nosa xestión enerxética

mércores, 8 de febreiro do 2017 Redacción

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) organizou este martes 7 unha xornada destinada a pór sobre a mesa tecnoloxías de utilidade para incrementar a efectividade e a sustentabilidade no que se refire ao uso empresarial de recursos enerxéticos. A Xornada Sistemas Avanzados de Xestión Enerxética na Industria desenvolveuse na sede da dita entidade en Vigo. Foi a novena sesión dun ciclo de encontros (o Ciclo de Xornadas TIC de ASIME) que arrincou en novembro de 2015 co obxectivo de “amosar as últimas solucións e avances tecnolóxicos e dixitais, fomentando así o afianzamento da Industria 4.0 no sector metalúrxico galego”.
Iniciou a xornada Hugo Barreiro, coordinador de Industria 4.0 en ASIME, quen fixo saber que dende a asociación metalúrxica galega estase a realizar “un profundo labor de concienciación e capacitación defendendo que a introdución de tecnoloxías 4.0 sempre é rendible”. A clave, sinalou, “está en achar que tecnoloxía se require e para que proceso determinado”. Tamén dixo que grazas ao #CicloTIC de xornadas “estamos a lograr esa primeira prospección que necesitan as empresas”. Igualmente, salientou que neste intre xa está en pleno desenvolvemento o proxecto ASIME4.1, un ambicioso proxecto sectorial para o que “se agarda lograr un financiamento a fondo perdido próximo ao millón de euros” e que fica na actualidade aberto a asociados e non asociados, abranguéndose ao seu abeiro iniciativas de investimento tecnolóxico como pode ser a implementación do sistema de xestión enerxética CO2stTem, presentado na xornada deste martes 7.
Precisamente para falar de CO2stTem participou na sesión Alberto Méndez, socio director de CO2 Smart Tech, empresa especializada en sistemas de xestión enerxética, quen expuxo os beneficios de integrarmos un sistema como o devandito, unha tecnoloxía que achega un novo rumbo para as nosas empresas, diametralmente oposto ás metodoloxías previas de traballo en materia de xestión. Segundo lembrou, “na industria, a nivel estatal, en 2010 o custo enerxético era equivalente ao 17% dos custos de persoal, en 2014 xa supón case o 20% e esta é a tendencia”.
A continuación, Daniel Blanco, responsable de Eficiencia Enerxética en CIE Galfor, presentou o caso de éxito da súa empresa coa instalación no seu seo de CO2stTem. Ademais, conectouse na nube para amosar os datos estatísticos e en tempo real que se estaban a producir na planta. Segundo fixo saber, “ao sermos unha empresa que fabrica mediante forxa e estampación, controlar os consumos enerxéticos, especialmente nos numerosos fornos de indución, é clave”
ASIME recorda que continuarase co Ciclo TIC durante todo o 2017. En anteriores edicións abordáronse estes eixes temáticos: robotización e robotización colaborativa, sistemas de xestión industrial, deseño industrial, ciberseguridade, Internet das Cousas, dixitalización, xestión documental, fabricación aditiva e automatización de procesos.