ASPACE Coruña e o CITIC mostraron ante a Xunta os seus avances en inclusión tecnolóxica

luns, 12 de abril do 2021 S. P.

Na mañá deste 12 de abril o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, acudiron á sede de ASPACE Coruña en Sada para coñecer en primeira persoa os avances do proxectos Talentos Inclusivos, o proxecto de tecnoloxía anti-barreiras que impulsaron o Centro de Investigación da Universidade da Coruña (o CITIC), ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC, en colaboración con diferentes centros educativos da provincia.
O proxecto ten o obxectivo duplo de fomentar vocacións científicas entre a mocidade e mostrar polo miúdo a problemática da diversidade funcional, achegando solucións tecnolóxicas específicas e creadas especialmente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
En concreto, Trenor e Cabana asistiron á sesión de seguimento entre ASPACE Coruña, o CITIC e CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña. Este centro, segundo informaron ASPACE e máis o centro coruñés, está a desenvolver un dron programado con microbit para que poda ser controlado “cun joystick adaptado, que permita ser utilizado co movemento da man ou da cabeza”. O CITIC lembrou que o equipo de estudantes está explorando a posibilidade de programar o dron a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías sen fíos.
Na visita a ASPACE Coruña, Trenor e Cabana tamén puideron ver o funcionamento doutras propostas deseñadas polos centros educativos, como xoguetes adaptados e o Makey Makey, un mando para adaptar a todo tipo de xogos.
Na sesión de seguimento, os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez; a directora xerente do centro, Sonia Ruiz; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Expósito.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, destacou que Talentos Inclusivos é un “proxecto único e moi innovador, cun beneficio social para as persoas con parálise cerebral e que implica ao alumnado, a través da tecnoloxía, nunha realidade decote descoñecida”.
Axuda da FECYT
Segundo se lembrou durante a visita, a iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

PUBLICIDADE