ATRIGA porá o foco en impulsar os servizos electrónicos

luns, 12 de marzo do 2018 Redacción

A Axencia Tributaria de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, vén de informar dos seus obxectivos para este ano, ao abeiro do Plan Xeral de Control Tributario para 2018. En primeiro lugar, porase o foco en fortalecer “a loita contra a fraude fiscal conforme aos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica”. Ao mesmo tempo, a axencia apostará “por introducir medidas que faciliten o cumprimento das obrigas tributarias”. Neste punto, poranse en práctica iniciativas para fomentar o uso dos servizos por vía electrónica e as notificacións telemáticas.
Por exemplo, impulsarase a presentación de autoliquidacións, “o que supón”, en palabras da axencia, facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas.
A ATRIGA tamén vai potenciar este ano a práctica das notificacións telemáticas, “o que ademais de supoñer un aforro de custo e tempo, redundará nunha redución do número de notificacións devoltas”, explican fontes da axencia, engadindo a intención de “facilitar o pagamento mediante domiciliación bancaria, co obxectivo de facer máis sinxelo o cumprimento das obrigas tributarias”.

PUBLICIDADE