AXA presenta unha aplicación móbil para mellorar os nosos hábitos ao volante

xoves, 31 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Esta semana a aseguradora AXA renovou as súas aplicacións móbiles para Android e iPhone, e para dar a coñecer estas novidades organizou en París o #AXAdriveday, evento ao que acudiron representantes de numerosos medios dixitais para poder coñecer as novas ferramentas e probalas en primeira persoa no circuíto de competición de La Ferté-Gaucher.
Ata o momento AXA estaba a centrar os seus esforzos na aplicación AXA Contigo (dispoñible para Android e para iPhone), que esta semana actualizouse á versión 5.0, o que supoño un importante redeseño da ferramenta que busca servir de utilidade para os asegurados no caso de accidentes, xa que facilita a comunicación de sinistros e a solicitude de asistencia, así como a localización de oficinas e talleres de AXA, así como doutros servizos de utilidade (hospitais, estacións de servizo, hoteis...). Segundo comentan dende AXA, estamos ante unha aplicación móbil que naceu para atender a unha realidade, pois son conscientes que, tras un accidente de tráfico, o normal é chamar por teléfono aos servizos de emerxencia (cando é preciso) e á familia, para despois chamar á compañía aseguradora, e este último paso pode facilitarse moito grazas ás funcionalidades dos smartphones actuais, dotados de GPS, acceso á Rede e a posibilidade de gravar voz e facer fotografías, detalles que resultan moi prácticos á hora de declarar un sinistro e facer un seguimento do mesmo a través da Internet.


Vídeo no que se resume a xornada de presentación da aplicación en París

A aplicación AXA Drive está dispoñible para iPhone e Android

Pero a grande novidade da xornada non era a renovación de AXA Contigo, senón a estrea dunha nova aplicación, AXA Drive, que busca facilitar ao condutor o coñecemento e a mellora das súas habilidades ao volante, gravando e analizando as súas viaxes mediante a aceleración, o freado e os xiros, xerando unha puntuación da condución final de cada viaxe. Conta tamén con desbloqueo de insignias, rexistra cando se gaña experiencia e da consellos para mellorar a condución, de xeito que temos unha ferramenta que aproveita o concepto de gamificación para axudarnos a mellorar a nosa condución (e instar aos usuarios a facer un uso a longo prazo da aplicación), permitindo incluso compartir os nosos resultados a través de redes sociais para competir cos nosos amigos, aínda que non sexamos clientes da aseguradora (e incluso sen rexistrarnos na aplicación, aínda que é recomendable facelo para tirar un mellor proveito da ferramenta). AXA Drive está dispoñible para Android e para iPhone, e cando emprendemos unha sesión de condución dedícase a rexistrar os movementos do acelerómetro do móbil (para o que hai que colocalo nalgunha parte do vehículo na que poida manterse nunha posición estable) e a posición do GPS, o que permitiranos comprobar logo se realizamos unha boa condución, amosando os puntos conflitivos (como os xiros bruscos ou as fortes freadas) no mapa, o que resulta de grande utilidade á hora de revisar as nosas sesións ao volante, o que pode axudarnos a mellorar os nosos hábitos e gañar confianza na estrada.
Cómpre destacar que esta aplicación móbil respecta a privacidade dos usuarios, limitándose a rexistrar os datos relativos a puntuacións das distintas sesións, e non aproveitando a aseguradora a información recollida para determinar a taxe de seguro de automóbil, aínda que non desbotan aproveitar a aplicación no futuro para apoiar investigacións científicas que poidan reverter nun beneficio para todos.

Numerosos blogueiros e redactores de diarios dixitais participaron no #AXAdriveday
A aplicación AXA Drive puido probarse o pasado mércores no circuíto francés de La Ferté-Gaucher
A aplicación AXA Drive emprega o acelerómetro e o GPS para analizar as nosas sesións de condución


A xornada de probas da aplicación AXA Drive resumida en vídeo

PUBLICIDADE