Abanca Innova estrea instalacións na sede corporativa do banco en Vigo
xoves, 23 de outubro do 2025
Abanca estreou un novo espazo de innovación e emprendemento na súa sede corporativa de Vigo. A entidade financeira inaugurou este xoves 23 de outubro as instalacións de Abanca Innova na cidade, situadas no edificio que o banco ten en pleno centro financeiro e comercial en García Barbón.
Para dar a coñecer a nova sede, o banco organizou unha xornada de traballo na que participaron unha vintena de representantes do mundo do emprendemento e a innovación da área de Vigo. O evento contou coa intervención do director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións da entidade bancaria galega, José Manuel Valiño, e do director territorial de Abanca en Vigo, Walter Álvarez. O responsable de ABANCA Innova, José Antonio Suárez, foi o encargado de conducir a visita polas novas instalacións.
As recentemente estreadas instalacións do espazo de innovación e emprendemento de Abanca ocupan aproximadamente 410 metros cadrados no andar baixo, con acceso directo desde a entrada principal en García Barbón.
Conta cunha gran zona de coworking na entrada, que artella un espazo que suma tres zonas modulares con 32 postos de traballo, tres salas de reunións e un espazo multiusos cunha pantalla de grandes dimensións. As instalacións complétanse cun espazo de pícnic equipado con electrodomésticos e mobiliario.
Abanca explica que “todo o espazo, que destaca pola súa amplitude e pola luz natural que entra a través das súas amplas fiestras ás rúas Colón, García Barbón e Rosalía de Castro, combina un deseño moderno cos máis altos estándares de confort para traballar”.
E engade: “A chegada de Abanca Innova á sede corporativa do banco supón un impulso tanto ao compromiso da entidade coa apertura do edificio á economía e á sociedade como ao propio proxecto da aceleradora fintech da entidade financeira”.
Abanca Innova comezou a súa andaina en 2016 na Coruña coa misión de apoiar a creación e o desenvolvemento de empresas emerxentes nadas ou radicadas en Galicia. Aínda que desde o principio centrouse en sectores como fintech, insurtech, regtech, sostibilidade e ciberseguridade, ao longo dos anos a súa contribución “foi clave para o avance doutras áreas con impacto na industria financeira”, explicou Abanca, engadindo que “a estrea das novas dependencias de máis de 400 metros cadrados abertos á innovación non só busca fomentar os proxectos de Abanca Innova, xa que as instalacións están deseñadas tamén para acoller emprendedores a través de diversas fórmulas onde prima a flexibilidade”. Para iso, a entidade financeira puxo en marcha varios plans que permiten dispoñer de postos de traballo por períodos, acceder a salas de reunións e mesmo a organización de eventos no espazo multiusos. En virtude destes acordos, desde principios de outubro, xa hai emprendedores traballando nestas instalacións.
