Abanca colabora coa Axencia Tributaria no pago de impostos con Bizum e tarxeta

xoves, 3 de abril do 2025 S. P.

Abanca anunciou que vai colaborar coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) na xestión da recadación de impostos a través de Bizum ou tarxeta cun novo TPV virtual. Ambos os procedementos de pago dixital están dispoñibles para a campaña da renda 2024, polo que, por primeira vez, os contribuíntes cuxa declaración resulte a ingresar poderán utilizalos para liquidar o IRPF.
A entidade bancaria galega é unha das catro entidades financeiras que foron seleccionadas pola Axencia Tributaria para proporcionar estas dúas novas canles electrónicas para o pago de tributos e débedas cuxa recadación corresponda a esta Administración. “Estes medios”, sinala a entidade galega, “permitirán a calquera contribuínte a cancelación das súas débedas coa AEAT de forma rápida, cómoda e segura, con sistemas universais e gratuítos como son as populares transferencias instantáneas a través do teléfono móbil”.
Abanca habilitou os desenvolvementos técnicos, aplicacións e sistemas informáticos necesarios para a interconexión da nova pasarela de pagos coa sede electrónica da Axencia Tributaria e para facilitar aos cidadáns a realización das transaccións, así como o ingreso da recadación no Tesouro Público. A entidade lembrou que “non será necesario que o debedor sexa cliente de Abanca nin que a súa entidade financeira actúe como colaboradora na xestión recadatoria da Axencia Tributaria, nin sequera que sexa un banco con nacionalidade española”.
Os novos medios de pago dixital habilitados pola Axencia Tributaria coa colaboración de entidades como Abanca poden ser utilizados tanto polos particulares como polas empresas. Con ambos os métodos facilitarase fundamentalmente a persoas físicas a liquidación de impostos cuxa recadación corresponda á AEAT, dado que son un colectivo menos familiarizado que as empresas co pago de débedas a través da sede electrónica da administración tributaria.